Fernando Silva é o presidente da Asociación Cultural San Gregorio, de Paradela, Meis. Sabe todo sobre o Bolo de Pascua, do que recorda como se instaurou e como foi medrando ata ser o éxito que é.
Como comezou a tradición do Bolo de Paradela?
Retomouse no ano 92. A Romaría de San Gregorio xa se celebraba nunha capela que había antigamente na Moroza. Entón, xuntáronse un grupo de veciños, incluído meu irmán, que foi un dos organizadores, e dixeron: por que non retomamos San Gregorio? E organizárona. Pero isto do bolo non se coñecía, entón meu irmán dixo: coincide con Semana Santa, por que non facemos o bolo de Pascua? Que era o que antigamente se lle daba ós afillados. Retomouse ese ano, con ese tamaño pequeno, pero a cousa seguiu avanzando, colleu moito éxito e cada ano fomos a máis.
Ata chegar a 6.000 ovos que utilizan hoxe en día. E no 2005 entraron no Récord Guiness, non si?
Foi no ano 98. Está na acta que levantou unha persoa que veu de Sanxenxo e temos o documento. Foron 5.972 ovos, contados por el. Pero iso varía, segundo o tamaño do ovo ou a colocación. Hai anos que incluso superamos os 6.000.
E como viviron entrar no Guiness?
Iso foi apoteósico. Antes do Guiness a Comunidade de Montes pagounos un molde que tiña de ancho 2,20 metros, igual que agora, e tres metros ou tres e medio de longo. Pero para entrar no Guiness había que amplialo. Entón volvémolo levar onde o compraramos e aumentáronselle dous metros máis. Agora estamos en cinco metros e, de momento, xa non temos forma de facelo máis grande.
Para quen nunca o vira, descríbanos como é o bolo.
Os ovos van enriba da masa, crus. Cócense no forno. Fáiselle unha masa un pouco especial, leva manteca... e despois vanse colocando os ovos enriba. E cando sae do forno sae cocido o ovo e mailo pan. Sácaslle a casca ó ovo e comes o ovo co pan.
Cónstalles que haxa este tipo de bolo nalgún outro sitio?
Na zona de Meis é onde se mantén isto. En moitos sitios non o coñecen. Despois chegan alí e ven semellante inmenso bolo e preguntan como o facemos, se o cocemos a trozos. Non. Vai nunha peza.
Que é o máis complicado? Supoño que movelo.
Si. Vai enteiro para o forno. Leva dúas horas e media de cocción de cada vez. Cócese unha parte, hai que sacalo, darlle a volta e volver cocer o trozo que nos queda fóra do forno, que é un metro e algo.
Canta xente participa para facelo?
Temos moita axuda, non nos podemos queixar. Todo o mundo quere participar, só con colocar ovos xa están contentos. Agora debemos de estar sobre unhas vinte persoas, porque hai que colocar dende o número 1 ata o 6.000, un por un.
Canto tempo leva colocalos?
Hai que botarlle a masa primeiro. Se non, non se aguantan. Desde aí, tardamos unhas dúas horas ou tres en colocalos.
E a recollida dos ovos polas casas, canto tempo antes comeza?
A semana anterior, porque o ovo é unha cousa que non podes coller con moita antelación. A parte, na Semana Santa andan esgotados polo tema da Pascua. Pero a xente colabora de marabilla. Incluso hai xente non só de Paradela que manda os ovos para o bolo.
Que tal foi a edición deste ano?
Unha marabilla. Por riba tivemos un día espectacular. Ademais, foi visto e non visto. Empezas a repartir e dis: pero semellante bolo e xa se acabou? E incluso vén xente a propósito despois a preguntar se non quedou algo por aí.
Pero non suele sobrar...
Non! Queda o cacharro baleiro.
Vostede chega a probalo?
Practicamente non. Ás veces ó final, cando ves que xa saíu todo ben, vén alí un e diche: toma.
E son 10 euros, verdade?
Si. Dáselle bolo, churrasco e viño albariño. Pasas á zona da carpa, sentas na túa mesa e a xente xa bota a tarde alí, acompañada de música. Incluso había un matrimonio este ano que dicía: pero por 10 euros, isto é un regalo!
Pensan en subirlle ó prezo?
A ver, para o ano témolo que pensar, porque todo subiu. Igual sumámoslle dous euros máis, pero aínda está por decidir.
E xa andan coa do ano que vén?
Isto é rematar unha e empezar outra, porque co tema das orquestras é complicadísimo, hai que collelas dun ano para outro.
Vostede leva máis de 20 anos á fronte. Como o leva?
Na Comisión levo sobre 27 anos e de presidente xa vai para 25. Agora xa van pesando os anos. Estamos xa metendo xente nova e de momento imos tendo sorte.
E aínda hai oco para que siga aumentando o público?
Nós de momento non botamos a ninguén, incluso para colaborar. E á xente animámola a que veña. Hai que velo. Xa cando chegas e ves aquel remolque cargado con aquel bolo, é un espectáculo. Hai que transportalo nun tractor. E o sacalo para fóra da panadería é outro problemón. Somos 20 ou 30 persoas, é un molde larguísimo, e pesa. Hai que sacalo inclinado porque pola porta non colle.
E nunca caeu nin pasou nada?
Non. Imos pouco a pouco. Despois, para botalo enriba do remolque do tractor, hai que levantalo en peso. Pero ves que a cousa sae ben, a xente está contenta, e continuamos con máis ímpetu e ilusión que ó principio.