O Festival de Xironsa toma impulso nunha edición que cumpre 25 anos en prol da cultura galega

O Festival de Xironsa toma impulso nunha edición que cumpre 25 anos en prol da cultura galega
O edil de Cultura, Liso González, e o presidente de Xironsa, Carlos Andrade, xunto a outros membros da asociación | Gonzalo Salgado

A Asociación Cultural Xironsa de Corvillón quere dar un novo impulso ao seu festival de verán, que cumpre nesta edición 25 anos en prol da promoción e divulgación da cultura e da música tradicional galega. Unha actividade “clásica do programa cultural de Cambados”, que reunirá na Praza da Seca a centenares de veciños e visitantes que celebrarán a cultura propia da man dun cartel de actividades que se desenvolverá durante toda a xornada e que poñerá o broche final da man da música de Blues do País, De Vacas, Carapaus e algunha sorpresa de última hora.


Unha edición na que o Concello entra como coorganizador e na que redobrará os esforzos económicos, asumindo a loxística e realizando unha aportación económica maior. Así o sinalou o edil de Cultura, Liso González, que subliñou a aposta por parte da Concellería na coorganización de eventos coas asociacións co obxectivo de “sumar esforzos e poñer en valor” as citas culturais da vila, como xa se fixo co Festival de Con de Xido e se proxecta coa Festa Mariñeira. No caso do Festival de Xironsa, González destacouno como un evento “fundamental” para a programación cultural que se fomenta desde o Concello, e que “pon de gala a música do pais e as actividades inclusivas”. Así, mostrou o seu “orgullo” de que Cambados teña un “festival referencial” que converte a Corvillón “nun dos focos de atracción da música tradicional galega”.


Programación completa

En canto á programación, o festival, que terá lugar o 5 de xullo, arrancará con alboradas matutinas a cargo de Xironsa e de Boudebou e contará cun concerto a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadumia, coa que colabora cada ano a entidade cambadesa. Unha actuación que dará paso ao tradicional xantar de confraternidade, que pretende reunir a preto de medio milleiro de veciños, e no que non faltará a música tradicional galega, a súa razón de ser. As entradas poden adquirirse nos locales da asociación e outros puntos de venda habituais e o menú, coma sempre, estará composto por empanada, churrasco, criollo, pan, auga, viño, postre, café e chupito, por un precio por persona de 25 euros y de 17 euros, en caso de nenos de 7 a 12 anos.


Como novidade, a sobremesa do xantar deste ano estará amenizada por “Jack Johnson e Joh Jackson: A Cápsula do Tempo”, unha divertida función teatral que poñerá o tono humorístico á cita. Na tarde non faltarán a actuación de Cantareiras Madialeva e xogos populares, así como un campionato de escoba. No relativo ao festival, en horario de noite, a programación contará coa propia Xironsa (que tratará de subir ao escenario ao maior grupo posible), Blues do País, Carapaus e De Vacas, así como unha sorpresa de última hora.


“Unha nova era”

Unha extensa programación que tratará de que este 25 aniversario sexa “o arranque dunha nova era para o festival” tras atravesar falta de apoios económicos. Desde a entidade, o seu presidente, Carlos Andrade, non oculta o complexo de programar un festival desta magnitude, cuxo orzamento supera ampliamente os 100.000 euros, sen cobrar entrada e ante o aumento xeral dos cachés dos artistas e grupos, así como a necesidade de realizar plans de seguridade e outros requisitos que complican a organización. 

O Festival de Xironsa toma impulso nunha edición que cumpre 25 anos en prol da cultura galega

Te puede interesar