Gustavo Ferreiro | “Estamos quedando sen gaivotas. A poboación baixou nun 80 %”

A Sociedade Española de Ornitoloxía conta en España cuns 26.000 socios e nos últimos anos vive un incremento do interese polas aves por parte da poboación. Ata tal punto que, cada vez que Gustavo Ferreiro e os seus compañeiros organizan unha actividade, as prazas esgótanse en horas

Gustavo Ferreiro comezou a apaixoarse pola natureza e polas aves como moitos nenos da época, vendo os programas de Félix Rodríguez de la Fuente. Esa paixón foi medrando ata profesionalizarse, traballando en SEO Birdlife en Pontevedra. Hoxe fala con nós do seu amor polas aves e a importancia de protexelas.

 

Pode parecer que observar aves é algo aburrido, pero non é así... 
Todo o contrario! De feito, pode que sexa a afición que máis engancha á natureza, porque son animais que se deixan ver, son coloridas, cantan... e atraen a atención da xente.

 

E sodes moitos?
Si. Cada vez máis. SEO Birdlife agora mesmo en España ten uns 26.000 socios e nos últimos anos nótase un incremento importante. Hai unha demanda da xente de saír ó campo, facer actividades con aves... Nós pretendemos conservar aves e iso ten moito que ver con que a xente coñeza, e demande dos nosos políticos políticas de conservación. Por iso divulgar e sacar a xente ó campo é fundamental.

 

A que se debe ese incremento?
Pois non o teño moi claro. A raíz da pandemia notouse ese incremento potente, aínda que de antes xa viña dándose, pero máis lento. Nós cando facemos unha actividade aberta de divulgación, gratuita, sempre se nos cubren as prazas nun momento. Poñemos grupos de entorno a 20 persoas, para non incidir negativamente no medio ambiente, e nas primeiras horas complétanse sempre. Veñen familias, xente xubilada, estudiantes ligados a ciencias do medio ambiente... Temos de todo.

 

Que zonas temos na comarca para ir observar aves?
Temos o mellor humedal de Galicia e do norte de España. O Complexo intermareal Umia-O Grove. É toda a ensenada do Bao, que colle O Grove, Sanxenxo, Cambados e chega a A Illa de Arousa. Ten parte de mar, lagoas interiores, lagoa costeira e unha parte de dunas e praias. É moi diverso e de aí a riqueza faunística que ten.

 

Que aves podemos ver aí?
Dominan as aves acuáticas. Sobre todo as que se alimentan nos limos e que veñen no inverno fuxindo dos fríos do norte europeo. Tamén hai moitísimos patos, garzas, cullereiros, algunha rapaz como a aguia pescadora... e algunha limícola que queda criar, como a píllara das dunas.

 

E como están? Hai máis, menos...
Agora estamos cun proxecto, chamado Biocosteiro, entre España e Portugal, co que pretendemos traballar con estas especies que están sufrindo moitísimo polo turismo masivo, que ás veces destrúe espazos naturais ben conservados. Buscamos esa convivencia implicando ás administracións e sociedade para que se fagan políticas de conservación e un turismo máis respectuoso con estes hábitats.

 

 

Birdlife entrevista
SEO Birdlife organiza actividades vencelladas ao estudo e observación das aves

 

Que comportamentos poden ser prexudiciais para as píllaras?
As especies cando crían é o momento máis crítico para elas, porque teñen moito estrés pola presencia humana. Entón, neses areais, hai que limitar a presenza  onde hai niños, balizando arredor deles. Co cal, a xente o que ten que facer é non saltar o perímetro que se indica. Tamén hai que respectar a prohibición de levar mascotas ás praias en época de cría, porque un can ou un gato é un depredador máis. Son moi pouquiñas as parellas que nos quedan desta especie.

 

Están en perigo de extinción?
Agora mesmo a categoría é de vulnerable, que é inferior. Se só nos limitamos á nosa provincia si que deberiamos declarala en perigo de extinción, pero as categorías fanse a nivel espazos maiores.

 

E ten algunha especie favorita?
A píllara é das que lle teño máis cariño porque traballo moitísimo con ela, pero teño varias. Os cirrios (vencejos) tamén. Témola aquí só no verán, é tremendamente aérea, non se pousa nunca, salvo cando cría, un mes ó ano. Poden botar dous ou tres anos voando sen pousarse nunca.

 

E que pasa coas gaivotas, que hai moitas e ás veces dan problemas...

Non hai moitas, todo o contrario. Temos un serio problema coa gaivota patiamarela. Levamos un declive tremendo. Nos últimos anos baixou a poboación un 80% e, de feito, estase falando de elevar a súa protección, porque quedamos sen gaivotas. Podía haber censadas 22.000 parellas e nos últimos datos están dando entorno a 2.000. Fálase de que pode ser debido a un síndrome paralizante, pero falta investigación e tratamento para que iso desapareza.

 

Que actividades fan na asociación?
Dun lado está o estudo científico, para ver as necesidades de conservación e aplicalas. Despois, hai unha parte de divulgación e concienciación. Facemos roteiros unha vez ó mes e  a xente pode contactar por Facebook, no blog... Despois temos convenios, por exemplo coa Deputación, e facemos 7 ou 8 excursións ó ano. Ambas son  libres e gratuitas e o material básico son prismáticos e guías de aves. Nos colexios e con adultos tamén facemos voluntariado para eliminar especies invasoras, residuos... que xa non teñen unha regularidade concreta.

 

Que lle aportan as aves?
A natureza apórtame todo, é case unha forma de vida. Non só porque sabes que estás axudando a que non se extingan especies, senón porque te enche e toda a túa vida xira arredor diso. A natureza é o que nos conecta con nós mesmos.

Gustavo Ferreiro | “Estamos quedando sen gaivotas. A poboación baixou nun 80 %”

Te puede interesar