A ILLA -“Fun alcalde como un reto, porque en Económicas un mestre dicía que A Illa non era viable”

A ILLA -“Fun alcalde como un reto, porque en Económicas un mestre dicía que A Illa non era viable”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-d5803f5c

MANUEL VÁZQUEZ, REXEDOR DE A ILLA

Manuel Vázquez, o primeiro alcalde que votou A Illa como Concello independente, ven de anunciar que o deixa. Nos comicios de maio non será candidato por primeira vez en 16 anos. Logo de sacar adiante en Pleno os seus derradeiros presupostos, esta mesma fin de semana, aténdenos no despacho municipal que en cinco meses, pase o que pase nas urnas, xa non será o seu.

Menuda a que montou cando se rumoreaba que deixaba a Alcaldía e menuda a que se montou agora que o confirmou.
A rumoroloxía é inevitable cando chegan eleccións. Ás veces acerta e outras non. Esta era unha decisión que xa había moito tempo que estaba tomada. Creo que 16 anos son suficientes e esta etapa da miña vida acaba. Son da crenza de que unha persoa non debe estar ilimitadamente nun cargo.

Pero vaise marcar vostede un “Esperanza Aguirre” ou é unha retirada total da política?
Non, non. É unha retirada total. Quedarei como militante de base na agrupación de A Illa.

Entón non hai posibilidade de velo á volta dun tempo nalgún outro cargo?
Nunca se sabe onde vai un a estar. Teño 42 anos, nunca pensara en estar en política e levo 16 de alcalde. Teño unha experiencia e se esta se considera que ten valor... Agora péchase a etapa de que eu sexa rexedor, non teño ningunha expectativa. Pero nunca sabes.

Ou sexa que se alguén, nalgún momento puidera requirir desa súa experiencia, pensaríao.
Claro, habería que velo.

A decisión, pode precisar un pouco máis cando a tomou?
Xa hai tempo.

Neste mandato? Antes?
Moito tempo...

... Pero non tan planificado como para deixalo xusto cando A Illa cumpre 18 anos e sube de categoría, non?
Ah. Non, iso é unha casualidade. E o día elixido para facelo público tamén. A familia sabíao, os responsables do partido hai tempo que tamén e como ese día era o pincho de Nadal quería aproveitar para dicirllo aos traballadores de aquí. Sabía que ía ser un momento difícil.

Emotivo?
Si... É un grupo humano que me marcou, dende a primeira lexislatura. Como todo colectivo discutiuse, pero foi unha piña de xente que traballou con moita forza e ilusión.

De todos os xeitos semella un pouco estraño: Alguén que batallou por ser deputado e por dirixir o seu partido a nivel autonómico, que o deixe así, agora...
A min gústanme os retos. Eu presentei a miña candidatura ás Primarias porque creo que nestes momentos son demandadas. Pero maioritariamente foi rexeitada. Aí acábase José Manuel Vázquez como candidato. Punto e a parte.

Pero sorprendeulle ou doeulle que o PSOE de Vilagarcía apoiase maioritariamente a un candidato de Lugo e non a un de Arousa como era vostede?
Non, non. Non teño rencillas, nin ninguén me defraudou. Ao revés, eu estou agradecido a todos.
Decepcionoulle que o PSOE non cumprira aquela idea de “unha persoa, un cargo”, que tería excluido a Carmela Silva de deputada nacional subindo vostede, na mesma lista, cara Madrid?
Non é unha idea: Está nos estatutos.

Pois mellor mo pon...
Esa é unha cuestión que a dirección do partido ten que decidir. Si, houbo esa tensión, sobre todo aquel verán de 2012. Pero son todos compañeiros e compañeiras e eu veño a aportar. A partir de aí é a dirección á que lle toca xestionar o partido. Hai xente que me di que son pouco crítico e outros dinme que son crítico de máis. Cada un que saque as súas conclusións...

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, dixo estes días que o PSOE tratou mal a Manuel Vázquez. Vostede comparte esta idea?
Comparto a xeral: Que os partidos non poñen en valor aos alcaldes. Salvo cando tocan eleccións. Entón achéganse a eles porque saben que son o elo máis próximo á cidadanía. Pero tamén en parte é culpa nosa, porque ás veces somos moi sumisos. Eu estou agradecido das palabras de Gonzalo Durán.

Ano 99: É vostede o alcalde máis mozo do municipio máis mozo. Como chega ata aí? Méteno nun embolado? Un reto?
Pois agora xa se pode contar. Eu era unha persoa tímida, introvertida e nunca pensara en estar en política. Traballaba nunha xestoría, acababa de rematar a carreira. A primeira vez, cando mo formulan digo que non. Pero era un Concello novo, que hai que demostrar que é viable e poñelo en marcha. E esa dificultade foi a que me atraeu, unha cuestión que moita xente, incluido un profesor que tiven de Económicas, dicía que era un erro, que a Segregación non sería viable.
Diríase que o afrontou como un desafío, case por deformación profesional, entón.
Si. Por iso tamén agora, 16 anos despois, xa non é o mesmo. A Illa é xa un concello estabilizado.

Con que se atopa cando asume as rendas dun novo Concello?
Débedas. Todo eran débedas e nada de ingresos, nin estruturas, nin instalacións... O propio Concello estaba na Escola de Pau, onde cuns taboleiros dividimos os escasos 100 metros cadrados para facer tres despachos e unhas oficinas. Tiñamos o antigo cinema alugado para facer os plenos. Unha das primeiras decisións foi pedir un crédito para pagar os salarios, porque era o único permitido ao superar o 110% de endebedamento.

Que foi o máis difícil?
É complicado. Mira: Que a Arousa tiña que ser un Concello, que nolo roubaran daquela era unha demanda case unánime, transmitida de avós a pais. Pero quizais o máis difícil foi e é facer ver que o Concello é de todos. Porque, claro, o xogo político —PSOE, PP, BNG— ás veces non axuda.

Porque se un vai ao específico, haberá mil cousas que foron densas de sacar adiante.
Claro. O Plan Xeral, que foron anos de traballo; o feito de ter que aprobar todas, todas as ordenanzas, porque eramos un concello novo... Tamén porque ti tes que crear a ilusión, manter a ilusión... Pero por outra parte non tes medios, porque non os había. A xente quería ver reflectido xa todo, comprobar a causa efecto no momento. E vías que non eras quen. Ás veces porque faltaba ata o máis simple: Ías a un ordenador e nos listados administrativos A Illa non saía. Aínda agora cando vas ás votacións “Illa de Arousa” é a última da lista, entre paréntese e despois de Vilanova, sen respectar a orde alfabética.

Algunha vez houbo medo de ter que recuar e volver a Vilanova?
Nunca. E despois da primeira lexislatura, máis claro aínda. Porque como dicía a primeira secretaria municipal, da que aprendín moitísimo, A Illa tiña potencial e se non se gastaba en luxos asiáticos a vila xeraría un equilibrio e manteríase. Si houbo momentos de dificultade, como foi o Prestige, pero como sociedade, non como Concello.

Fálenos do Prestige.
Aquilo foi o peor momento. Volver ao teu pobo despois de andar por aí xestionando contedores, material, etc e chegar ao porto do teu Concello e ver o medo nos ollos, a impotencia... Persoas que podían ser teus pais, chorando no peirao de O Xufre... Iso foi dantesco e non se me borrará nunca. Aí a sociedade da Arousa demostrou estar á altura unha vez máis, con toda a bravura do mundo.
Cal foi o proxecto do que máis orgulloso se sinte?
Pode parecer repetitivo, pero do que máis orgulloso me sinto é de que o Concello é viable.  Xa sei que non vende, pero era o que quería demostrar. É que ao principio nin os proveedores querían vendernos nada. Eu dicíalles que quen lle debía era Vilanova, pero nin así. Hoxe, o encargado municipal pode ir a calquera proveedor coa cabeza alta e pagamos como marca a lei. A débeda, que pasou do cen por cen, está no 22%. A maioría das débedas da Segregación xa se amortizaron e non pedimos moitos créditos, só o das nóminas ao comezo e outro para rematar o Consistorio.

Ou sexa que o día que se inaugurou este edificio todo o mundo a celebralo e o goberno preocupado por se se podería pagar.
Bueno non, porque cando o pedimos sabiamos que eramos capaces de amortizalo. Pero si, houbo días moi especiais. Cando aprobas o Plan Xeral, con toda a súa dificultade; cando inauguras esta Casa Consistorial, que se comezara no 97 e rematouse no 2004... Lembro que Fraga non inauguraba se non lle poñiamos a placa, que eu non quería. Así que ese día, ás oito da mañá alá estabamos en Fundiciones Rey, preparando a placa.

Porque non haberá anécdotas...
E sen saír desta Casa do Concello. Aquí púxose o chan antes que as fiestras e chovía dentro. E entraba xente, claro. Bueno, eu creo que algún isleño está concebido nesta Casa, porque houbo festas neste edificio en obras... Subían polos andamios e ten habido cada botellón... A verdade é que poucos alcaldes inauguraron a Casa Consistorial, pero claro, a min tocoume montar un Concello e así é sinxelo que todo o primeiro que se faga lle toque a un. Pero tamén estou ilusionado coa Escola de Música, coa de Teatro, pequenas cousas, como un tramo de beirarrúas que levaba anos pendente na Avenida da Ponte e por fin quitamos esa espiña.

E cal queda agora pendente?
Unha cuestión difícil, aínda que se foron conseguindo cousas: A singularidade. O equilibrio do desenvolvemento de Concello e o respecto ao medio. Logo non se logrou de todo o das infraestruturas portuarias. E rematar este proxecto “dun tolo”, como dixeron no seu día, que foi adquirir como chan público e desenrolar o espazo do Complexo Socio Cultural, o Concello e o Museo das Conservas. Faltan agora a salazón e as casas modernistas.

Como valoraría cada unha das súas catro lexislaturas?
A máis dura foi esta. Máis que a primeira, pola crise. Para min é moi duro atender todos os días á xente. Porque os veciños xa non veñen ao Concello a pedir que arranxes un bache, pór un contedor, unha farola... O típico. Non. Iso cambiou radicalmente. A xente ven con problemas... De verdade. A primera foi dura por poñer todo en marcha, pero eu definiríaa como ilusionante e de aprendizaxe. A segunda foi de consolidación. E a terceira de inversión, non creo que volva haber outro mandato máis inversor.

Quen saíu mellor parada da Segragación, A Illa ou Vilanova?
Eu de Vilanova non opino. Pero creo que a Segregación demostrouse para A Illa, en todos os sensos, como un acerto. Agora que hai ese debate de fusión de concellos a toda costa, ollo, non hai unha máxima: Fusión por fusión pode ser miseria por miseria. Ten que haber debate sobre administración territorial, pero cada caso é particular.

Como se definiría como alcalde?
Prefiro que mo diga a xente. Agora estou un pouco abrumado coas mostras de cariño e respecto que me chegan. O que si, os que me coñecen saben que cando me involucro nun proxecto vouno a dar todo e agardo ter defraudado o menos posible á cidadanía.

Sabendo todo o que sabe agora, diríalle ao Manuel Vázquez do 99 “adiante, preséntate a alcalde” ou diríalle “fuxe!”
Bueno, daquela soaba o móbil e comunicábanche un problema que parecía que se acababa o mundo. Colgabas, recibías outra chamada e contábanche outro máis gordo aínda, co que te esquecías do anterior. Pero, con todo, é unha experiencia vital e estou moi agradecido. Non me arrepinto.

A política era como esperaba?
Nunca pensara en estar en política, xa digo. Así que non tiña un concepto previo. Pero como todo na vida, a política ten pros e contras.

Tantos contras como ve agora a cidadanía, que á luz das enquisas percibe só nela as miserias humanas?
Pero todo o mundo quere ser político. Si, todos din “os políticos son non sei que”. Pero tamén todos din: “Eu faría...”, “eu vou votar...” Todo o mundo, dunha forma ou doutra, fai política. Agora, é certo que os que estamos en política activa somos os que máis a prexudicamos. Pero é normal que en plena crise, cando a xente queda sen traballo e o pasa realmente mal teña unha desafectacción da política.

Eu referíame sobre todo aos casos de corrupción.
Claro. E contra iso hai que loitar. Pero mira: Cando estabamos na época das vacas gordas, os políticos que foron ao cárcere  e logo presentáronse, foron alcaldes de maioría absoluta en España. E vótaos a cidadanía, non se poñen eles sós. Que pasa? Que claro, agora que estamos máis que en vacas fracas, a xente é moi sensible e a corrupción fai moito, moito dano. Pero a picaresca neste país, o Lazarillo de Tormes, non é de hai dous días.

Bueno. Quen vai ser o candidato do PSOE de A Illa?
Iso decidiráo o PSOE local. Hai un calendario que apunta a finais de xaneiro, febreiro...

E quen ten máis puntos?
Temos un grupo humano excepcional e calquera home ou muller, sen ser pedante, pode ser mellor alcalde ca min.

Carlos Iglesias sería bó alcalde?
Primeiro teremos que ver quen é o candidato ou candidata e xa veremos. Agora, el é o mellor primeiro tenente de alcalde que ten A Illa.

Onde nos imos atopar a Manuel Vázquez a partir de maio?
Pois onde atoparás a un cidadán normal. Na vida privada: Na rúa, nunha cafetería...

Terá máis tempo para algunha afección dende entón?
A familia. Que é a que máis o padece todo.

A ILLA -“Fun alcalde como un reto, porque en Económicas un mestre dicía que A Illa non era viable”

Te puede interesar