José Luis Pérez: “É aberrante que a oposición vaia contra un proxecto coma o parque acuático”

José Luis Pérez: “É aberrante que a oposición vaia contra un proxecto coma o parque acuático”
_MG_0014_18263308

José Luis Pérez leva dúas décadas á fronte do Concello de Meis. Preséntase para un novo mandato, que podería ser o definitivo, no que acadar o que aínda ve pendente de facer. Veciño de San Lourenzo, delineante de profesión e de 66 anos, xubilouse hai dous, co que leva dende entón a traballar de alcalde sen cobrar das arcas municipais. 

Pensa na xubilación tamén na Alcaldía?

Se me presento para estes vindeiros catro anos, fágoo para continuar, para rematar os proxectos importantes que temos en marcha. Unha vez acadados, loxicamente, eu tamén cavilarei en buscar a alguén que me poida sustituir, porque non penso continuar moitos anos máis no Concello. O que si está claro é que o goberno de Meis a min deume moito, cumpliu todas as miñas expectativas, políticas e sociais, coa confianza dos veciños máis de vinte anos. O que quero agora é devolverlle todo ese cariño sacando adiante eses proxectos, traballando desinteresadamente, unicamente polo sentimento que teño cara o meu pobo e os meus veciños.

Que lle queda pendente, entón?

Os tres proxectos principais, os máis grandes, son o parque acuático, a granxa escola e o polígono industrial. Sen perder de vista a aposta de Meis pola natureza, as súa rutas e o patrimonio. Logo, no eido social, despois de pór un local de atención a maiores, gratuito, estamos preparando agora unha ampliación da gardería que queremos que estea feita en setembro. Tamén está o proxecto do tanatorio, do que xa se deu licencia e en breve comezarán as obras. O mesmo que o centro social para San Martiño, que está en contratación. Son cousas que algúns poñían en dúbida e que se poden comprobar agora. 

Si, porque a oposición dubida de boa parte deles. Comenzando co propio parque acuático. Este proxecto favorece ou prexudica agora á candidatura popular?

Certamente, con todas estas liortas que desenrolou a oposición, estaba vendo eu que se estaba debilitando o interese dos inversores. Porque, si, este é un proxecto impulsado polo Concello, pero non hai que esquecer que tamén é un proxecto privado, con inversores. Así que en vista desas liortas, e para non asustalos, decidín non seguir comentando sobre este asunto e que sexan eles, os propios inversores, os que dean explicacións públicas de como están os avances. E tamén do problema que supón que un proxecto tan importante, en lugar de estar funcionando en maio, como o tiñan previsto eles, que non o di o alcalde; o teñan que retrasar un ano máis.

Cre que os veciños teñen esperanza polo parque acuático ou puido cundir a desilusión con esas sucesivas prórrogas nos prazos?

E que do parque xa escoitamos de todo. Eu falaba con toda a paixón que pode ter un alcalde ao referirse a un proxecto desta envergadura, pensando no que se ía favorecer ao concello e á xente que ía estar traballando. Pero é evidente que, contra iso, a táctica de esparexer dúbidas sempre dá resultado: O de calumnia que algo queda, que está claro que funciona. Pero iso o desminten os propios inversores. Iso si, calquera oposición que vai en contra dun proxecto así, paréceme unha aberración. 

Nestas eleccións preséntase un partido de Independentes e defenden que aparecen por “descontento”, sobre todo, na parroquia de A Armenteira. 

Creo que calquera ten dereito a presentarse como candidato. E a poñer para iso calquera tipo de escusa. Pero non considero que esas sexan as razóns de peso, cando a min sempre se me poñía a apostila de que eu era “o alcalde de A Armenteira”. Non creo que iso cambie en catro anos. Ademais, coido que esta parroquia sufriu unha transformación enorme nestes vinte anos.

Meis baixa nestas eleccións de categoría por mor da perda de poboación. Isto pódese revertir?

O problema da baixa de habitantes é un problema xeral, non só deste concello. Pero a nosa merma foi a través dunha denuncia posta pola oposición hai catro anos, o que nos fixo facer un barrido e borrado de todas aquelas persoas que tiñan dúas casas, que estaban empadroadas aquí pero que vivían máis tempo noutras residencias. En todo caso, neste momento hai un repunte importante de veciños en Meis. Así o confirma un estudo que fixemos. E non cabe dúbida de que eses tres grandes proxectos dos que falabamos seguirán creando emprego e atraendo e fixando poboación: Os dous eixos do noso programa.

Na pizarra

Pérez escolle o seu valor defendendo que un rexedor debe antepoñer o interese veciñal ao da súa forza política. “O alcalde non pode selo de ningún partido, senón do seu pobo”. Convencido diso, cando hai uns anos se optou por pechar a sede do PP na vila tras a colocación dun artefacto explosivo, decidiu finalmente non reabrir ningunha outra. Tela, sinala, “semella que é unha forma de discriminar aos veciños, que alí só se atendía a algúns. Eu quero que a sede do alcalde sexan todas e cada unha das casas do meu concello”. Fronte a esta “proximidade” aos electores contrapón a proliferación da “política espectáculo”: “Dá pena escoitar a políticos dicindo o que sexa para conseguir un puñado de votos”. 

O mércores en O Salnés, entrevista a: David Pereira, candidato do BNG en Ribadumia

José Luis Pérez: “É aberrante que a oposición vaia contra un proxecto coma o parque acuático”

Te puede interesar