Manuel Abuín “Piris”: “Hai un problema de relevo: É bastante cru que aínda haxa persoas de máis de oitenta anos coidando das viñas”

Manuel Abuín “Piris”: “Hai un problema de relevo: É bastante cru que aínda haxa persoas de máis de oitenta anos coidando das viñas”
Quen fora presidente do colectivo de viticultores durante anos, na presentación da festa deste 2022 | mónica ferreirós

Xa hai uns anos que Manuel Abuín “Piris” deixou a presidencia dos colleiteiros do tinto. Pero a súa vida segue ligada á festa e a este viño. Membro da directiva do colectivo de Valedores, observador nas catas do concurso e adegueiro histórico, non falta nin un ano á presentación da festa, nin á probar o viño. “Home, iso que non falte”.

Nestes dous anos coa Festa do Tinto en mínimos, que pasou con viño producido?
O tinto que se colle, agora mesmo chega a pouco. Hai máis demanda que oferta. Este ano, por exemplo, estamos aínda no mes de xuño e as adegas da comarca de O Salnés están practicamente baldeiras.

Xa?
Xa. Ata outubro que veña o seguinte viño, xa me dirás... Da igual que haxa festa ou que non, a xente vén buscar o viño igual, para as casas. É que cada adegueiro ten xa máis ou menos unha clientela habitual.

Foron, logo, anos de moita demanda. Tamén de moita produción?
Este ano non. A produción foi, por aí, un trinta por cento inferior que o ano interior. A colleita foi cativa: Boa calidade, pero pouca cantidade.

E da colleita que está agora nas viñas, que perspectiva hai?
Nacer, naceu moito. Está comezando a purgar. Se purga ben, tal vez poida haber unha colleita abundante en setembro.

Van xa uns anos e sempre lle pregunto pola legalización do viño. Pero é que o camiño é longo...
Si. Están dando pasos dende o Concello e a organización. Xa cando estaba eu á fronte había unha demanda importante ás autoridades para legalizalo. Porque está ben demostrado que este viño non fai dano. Que os que beben tinto, duran moitos máis anos que os que beben branco. Agora semella que pode haber unha boa perspectiva de que por fin se poida conseguir. Tardará uns anos, pero vano conseguir. 


Está na directiva da Orde dos Valedores do Viño Tinto. E o colectivo leva xa tamén moitos anos nomeando e homenaxeando a persoas destacadas nesta festa e nesa produción. Queda xente abondo aínda por seguir a recoñecer?
Si, si, moita xente. Pero é que, ademais, isto é unha maneira de realzar a festa. Que os valedores vaian vestidos coa súa indumentaria, o paseíllo, a presenza na cata. É bonito.

Hai relevo xeracional no cultivo do tinto?
Hai algúns mozos. Pero ben, é bastante cru que aínda haxa persoas de oitenta anos ou máis que aínda teñan que coidar as viñas. É un problema xeracional. Non sei. Os rapaces, algún día, terán que botar man disto, cando falten os maiores. A monte non van ir as terras. Coidar, van coidalas. Pero claro, estamos a falar de cando estes mozos cheguen tal vez aos trinta ou trinta e cinco. Porque os rapaces mozos, de vinte, pensan noutras cousas, e é mellor que pensen nesas outras cousas. 

Manuel Abuín “Piris”: “Hai un problema de relevo: É bastante cru que aínda haxa persoas de máis de oitenta anos coidando das viñas”

Te puede interesar