Manuel Muñoz leva vencellado a A Vertula dende que empezou no grupo de baile, con catro anos. Hoxe dirixe a Banda de Música, de cuxo presente e pasado “glorioso” fala con nós nestas liñas.
A Asociación A Vertula, dentro da cal naceu a Banda de Música, comezou máis ben centrada no teatro que na música, non si?
Si. Cando empezou, no 75, un grupo de políticos preguntoulle á miña tía, Benilde Hermida, que foi a fundadora, por que non facía algo na parroquia, en Paradela, e xuntouse unha serie de xente que tiña inquedanzas. Empezaron co teatro e foron por moitos sitios de Galicia. Eles mesmos facían a decoración, os traxes... Mesmo meu pai, que era un pouco “manitas”, facía o tema da iluminación. Foi unha época bonita. Coñeceron moita xente e aínda teñen amizades en diversos sitios.
E o nome de A Vertula vén dun topónimo da parroquia.
Si. Ó principio eran “A Roda Pequena”, creo que por unha roda de carro que tiñan como unha lámpada no local, que era unha antiga escola infantil que cedeu o concello. Despois, cara o 90, cambiou o nome. A Vertula é un microtopónimo, porque é onde está o local e tres casas arredor. Non se utilizaba moito e dende aquela recuperouse un pouquiño.
En que momento está a Banda?
Non é o momento máis glorioso que tivo, pero conservámonos. Funciona como un grupo de amigos, imos sen ningún tipo de interese e ninguén cobra nada. Eu, de feito, exerzo de director, pero o que aprendín de dirección foi copiando de dous profesores que tivemos, que son Manolo Conde e Casiano Mouriño. Cando imos actuar teño que tirar moito de teléfono, pero sempre responden. E temos moita xente que empezou, deixouno e agora está volvendo. Tampouco temos a pretensión de saír moitísimo coa banda, pero gústanos xuntarnos e neste momento estamos ben.
Cal foi logo ese momento glorioso?
No 2008 participamos no certame zonal en Cambados e gañamos. Despois decidimos participar no concurso que facía a Deputación de Pontevedra. Subíache ó nivel, porque no mes anterior ensaiabas dúas ou tres veces por semana. O primeiro ano que fomos, no 2009, gañamos na nosa categoría. Non eramos unha banda coñecida e competimos contra a de Lantaño, que xa tiña o seu nome. Foi ese momento que tes de recordo, cando ves que van dando premios e non apareces en ningún, e ó final gañas o primeiro. No 2011 repetimos en Pontevedra e volvemos levar o primeiro premio. No 2012 seleccionáronnos para ir a Aranda de Duero, que é un certame internacional, e foi unha experiencia bonita.
Cantos músicos forman a Banda?
Se conseguimos estar todos, que nunca é así, somos uns 35. O que nos falla un pouco é a Escola de Música. Non chegamos a 10 nenos, pero en Meis hai outra banda, a Banda Cultural de Meis, e eles xa teñen unha escola máis consolidada.
"A Vertula é un referente da miña vida. Pódoche dicir
que ó que cheguei hoxe en día é gracias á Asociación"
Custa moito chegar ós nenos?
Meis non é un concello de tradición musical. Temos o fútbol, que é das cousas que máis move. Nos anos 90 o Concello creou outra banda e eu creo que foi un erro naquel momento. Unha das opcións de futuro é facer unha única banda en Meis e que sexa referente.
Como foi para vostede medrar nese ambiente da asociación?
Eu empecei con catro anos no grupo de baile. Pasabamos as tardes do sábado alí. Eu tocaba o bombo tamén, xogabamos ó parchís... O centro cultural dinamizou moito a parroquia. Sempre digo que se non fora pola asociación, hai veciños que non tería coñecido. Tamén deu oportunidades a xente con máis dificultades. Para min é un referente da miña vida.
E a música que lle aportou?
Pódoche dicir que ó que cheguei hoxe é día é gracias á asociación. Eu recordo con 17 anos que os amigos querían saír e eu non podía porque tiña que ir tocar coa banda. E a capacidade de sacrificio. Miña tía sempre nos inculcaba que había que tocar o instrumento 40 minutos alí, porque os instrumentos non se levaban para a casa. Eu estudiei Música, a carreira de clarinete, agora son concelleiro de Cultura e Deportes, e creo que é a raíz de estar unido a axudar desde a asociación.
O clarinete elixiuno ou tocoulle?
Como en todas as bandas dos concellos, había tres clarinetes, dúas trompetas e a min tocoume o clarinete. Nunca fun un virtuoso, acabei a carreira gracias a un profesor que me dixo “vas acabar”.
Canto ensaian?
Unha vez á semana, os sábados. Recentemente tivemos o evento de Meisinos do Ano, no que se nos deu ese galardón polo 50 aniversario. É un evento que preparamos desde hai catro anos, no que facemos, a parte de música, iluminación, son, decoración...
E que repertorio fan?
Depende do sitio onde vaias. Cando vas a unha festa gústalles máis muiñeiras, pasodobres... Tamén temos feito repertorio de banda, grandes obras... E agora tentamos tamén meter algo de pop, rock... O outro día fixemos unha proba e un dos concertos que nos gustaría facer é cun DJ facendo unha base electrónica.
Como animamos a que os nenos se acheguen á música?
A música é sacrificada. Meu fillo está empezando a tocar a frauta traveseira e necesitas botar tempo. Pero despois apórtache unhas vivencias. E agora xa si temos unha tradición de 35 anos de música. E é algo a implementar.