O Auditorio de A Illa acolle dende o pasado mércores a exposición “Marexadas”, composta por 25 obras de alumnos de 4º da ESO do intituto como parte do traballo realizado na materia de Expresión Artística durante o presente curso. Así, empregando a técnica do collage, transformaron fotografías de arquivo da vila relacionadas co mar: mariñeiros saíndo a navegar, as xentes da Arousa nos barcos polas festas do Carme, as familias nas praias e costas... que conforman unha mostra do relacionada que estivo sempre, e está, a vida de A Illa co mar que a rodea.
Unhas imaxes recopiladas a través das familias do alumnado e do historiador Xoán Dopico, que tamén contribuíu para dar luz sobre a orixe dalgunha das imaxes e ubicalas no espazo e no tempo, enriquecendo o contexto e significado das obras.
Así pois, a mostra é a continuidade do “Plan Proxecta Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional” de divulgación da cultura mariñeira que se está a levar a cabo dende o centro. No marco deste programa impulsado pola Consellería de Educación, o alumnado realizou un traballo de campo para coñecer as palabras usadas para designar distintos tipos de embarcacións e aparellos de pesca, visitou a Confraría ou puxo en marcha dita exposición. Ademais, participarán nos actos promovidos pola Biblioteca polo Día das Letras Galegas.