A Consellería de Educación sacou onte a licitación as obras para a ampliación do colexio de Santo Tomé, por un importe de 992.248 euros. Unha actuación moi agardada pola comunidade educativa cambadesa e que resolverá os problemas de falta de espazo do centro e de accesibilidade coa instalación dun ascensor e de rampas de acceso, así coma a elevación do nivel do chan do ximnasio. En concreto, gañarase unha superficie total de 397,50 metros cadrados, que serán distribuidos en dúas aulas, dous desdobres e unha biblioteca, así como un espazo reservado para unha radio escolar.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou onte o proxecto, cuxas obras se prevé que poidan comezar entre en agosto, de xeito que estén finalizadas para o curso 2026/2027. Dado que o prazo de execución é de nove meses, os traballos vanse compatibilizar coa actividade académica durante o curso escolar e, para isto, os técnicos elaboraron un plan de obra de xeito que non se interfira no desenvolvemento lectivo.
A intervención inclúe a recuperación dun espazo do faiado da cuberta da planta baixa, actualmente en desuso, que se integrará como unha continuación da segunda planta existente. No que atinxe á accesibilidade, prevese a instalación dun ascensor no oco central da escaleira principal e tamén se actuará na parte do acceso ás pistas cubertas e á área de xogo, ás que ata o de agora só se pode chegar polas escaleiras. Así pois, nesta zona construirase un sistema de pasarelas que garante o acceso a persoas con mobilidade reducida sen necesidade de axuda a maiores. Finalmente, atendendo a unha petición expresa do centro educativo, tamén se vai aproveitar para elevar o chan do ximnasio co fin de eliminar a barreira arquitectónica e igualar as cotas de acceso a este espazo. En canto á fachada, a nova construción pintarase de branco, conservando o resto da escola en ladrillo caravista.
O director do colexio, Manuel Felpeto, celebrou a posta en marcha da maquinaria para a contratación da ansiada obra, que responderá ás dúas demandas históricas da comunidade educativa: falta de espazo e problemas de accesibilidade. Neste sentido instalaranse dúas rampas que comuniquen o primeiro andar da escola coas pistas polideportivas, que están a diferentes alturas, facilitando así o acceso sen ter que subir escaleiras e adaptarse aos plans de evacuación, xa que anteriormente o colexio non cumpría coa normativa.
Cabe recordar que a esta obra sumarase unha importante remodelación no pavillón deportivo, que o Concello asumirá a través dunha financiación de 161.000 euros da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.