Política Lingüística e Renfe achegarán a figura de Moreno en trece trens e dez estacións

Política Lingüística e Renfe achegarán a figura de Moreno en trece trens 
e dez estacións
2018051200064253623

As letras galegas subiranse ao tren. Viaxarán por toda a franxa atlántica e chegarán a Guixar en Vigo para voltar á Coruña e serpentear a costa ferrolana, atravesando o país polo medio cando toque levar a Ourense unha mensaxe, a que expandiu en vida a homenaxeada María Victoria Moreno.
Ela vixiará todo o mes aos pasaxeiros nos repousacabezas de trece ferrocarrís, os de media distancia e Avant, que farán o percorrido de norte a sur e en diagonal, do oeste ao leste, isto é da Coruña a Ourense. Xunto a imaxe institucional da escritora estremeña, poderá lerse: “A miña relación con Galicia é unha opción pola súa lingua, é simplemente unha historia de amor”.
A campaña lingüística que presentou esta semana a Xunta en colaboración con Renfe materializarase sobre rodas e en terra, unha vez cheguen os pasaxeiros ao seu destino ou se presenten coa maleta para coller o tren.
Nas estacións das sete cidades e de Vilagarcía de Arousa e Monforte colgarán dez carteis que ilustrarán e contarán as principais pasaxes desta autora de contos para nenos e adultos, de ensaios, estudos e producións.

Debuxos
Ao lado dos textos, poderanse ver os debuxos que foron proclamados gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas. O certame fixo subir ao podio aos alumnos do CEIP Xesús San Luís Romero, no caso da categoría de Primaria, e o IES Torrente Ballester, de Pontevedra, na de Secundaria. Os paneis estarán nos descansillos de cada vagón a modo de historia que un poderá mastigar segundo avance. E en capítulos porque moitos dos que lle dan uso a este medio de transporte fano a diario polo que irán coñecendo pouco a pouco a figura da que se exaltará o 17.
Entre Padrón e Vilagarcía, os que vaian a bordo saberán da súa primeira obra “Mar adiante”, que ela mesma ilustrou e como a autora abrazou o galego para escribir de vellos mariñeiros, de bicas e paxariños. Non é o primeiro ano que o fan.
A Xunta e Renfe xa colaboraron o ano pasado para pasear a Carlos Casares, “un namorado do tren”, segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Vehículo literario
A iniciativa púxose a rodar porque é o vehículo máis literario xunto co barco. Por iso, Moreno chegará á xente “que bota horas” máis alá dos espazos educativos, nun transporte público que fará de soporte.
As entidades colaboran no marco da programación institucional promovida polo Goberno autonómico.
Tanto Valentín como o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, agradecéronlle no acto aos representantes da compañía “a colaboración para facer extensiva a celebración do 17 de maio ao sector desta importante rede de transportes, que favorecerá tamén a unión das persoas usuarias coa lingua galega para homenaxear a María Victoria Moreno e visibilizar o idiomar”.
Ambos cargos incidiron na importancia de “implicar tanto ás entidades públicas empresariais como as privadas na dinamización do idioma desde as súas accións de responsabilidade e innovación social”. Na presentación participaron tamén Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do servizo público de Renfe e xefe da Área Comercial de Renfe, respectivamente.
Asemade, o sentimento galego de Moreno transmitirase ao longo de dez estacións: A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, as dúas de Vigo, Ferrol, Lugo, Monforte e Ourense.
A idea é que as misivas non cheguen soamente aos galegos senón que as reciban os usuarios que sexan de fóra para que se familiaricen co idioma e coa historia dunha muller que botou raíces onda o río Lérez.
Todo isto se completará cunha proxección nas pantaias dos convois que entreterán, sobre todo, aos máis pequenos. Así, sentados, aprenderán sen sabelo quen foi esa muller con sombreiro e nariz prominente que os acompaña na súa travesía atlántica.

Política Lingüística e Renfe achegarán a figura de Moreno en trece trens e dez estacións

Te puede interesar