O PSdeG reclama a Costas do Estado garantías por escrito para as depuradoras ubicadas en Tragove

O PSdeG reclama a Costas do Estado garantías por escrito para as depuradoras ubicadas en Tragove
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o alcalde Samuel Lago antes de comezar a reunión | g. salgado

O PSdeG está “tranquilo” antes as declaracións de Costas de que as depuradoras de Cambados non teñen nada que temer pola súa continuidade no porto de Tragove, a pesar do su polémico informe contrario ao plan portuario que está a elaborar a Xunta. Non obstante, reclámalle garantías por escrito e onte emprazou ao sector mar industria a pedirlle outro informe onde estableza de maneira clara un criterio e unhas condicións que garantan a súa permanencia.

Así o indicou o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, que, xunto ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, e outros socialistas da comarca, mantivo unha reunión cos empresarios para manifestarlles o apoio do seu partido a este sector “absolutamente estratéxico e que aglutina a máis de 30.000 persoas que viven da extracción e a transformación do produto pesqueiro galego”.

González Formoso avogou por “poñerlle deberes” ao Ministerio de Transición Ecolóxica e máis á Consellería do Mar e Portos de Galicia para que entre todas as administracións busquen solucións “no canto de que estean pasándose a pelota e confrontando politicamente” mentres se prexudica “a aqueles que quedan no medio, que son, precisamente, os traballadores do mar”, declarou.

Explicou que “estamos tranquilos” tras ler ese informe de Costas que pon caducidade á continuidade de tres depuradoras de Tragove e a servizos como o centro de saúde ou a praza de abastos cando rematen as súas concesións. Tamén tras escoitar as verbas da directora xeral da Costa e o Mar, Ana María Oñoro, e mesmo tras falar coa propia ministra. Non obstante, “estaremos máis tranquilos cando contesten por escrito ao sector directamente”, sinalou. Por iso, emprazou aos afectados a solicitar un informe ao ministerio para se fixe un criterio e unhas condicións claras baixo as que este tipo de instalacións poidan permanecer en zona de dominio público marítimo terrestre. “Con iso”, engadiu, “creo que a seguridade xurídica estaría garantida e achegaríamos tranquilidade ao sector”. “Iso é o que imos esixir nós”, destacou.

O secretario xeral do PSdeG coincide co sector, e con todos os partidos políticos que se teñen unido no seu favor, de que hai “unha serie de argumentos que, dende o sentido común, acreditan que non hai ningún outro emprazamento posible para estas instalacións estratéxicas e auxiliares do sector extractivo”, declarou. De feito, é da mesma opinión de que “non tería sentido colocar unha tubaxe que captase auga de mar para transferila a un polígono industrial a 15 ou 20 quilómetros”, xa que “non sería operativo”.

Tamén considera o socialista que “non hai ningún tipo de contraindicación” coa súa permanencia á beira do mar, pois son instalacións “que ademais achegan vida ao medio mariño e ao dominio público onde están situadas”, manifestou.



Movemento do Concello


De xeito similar expresouse o rexedor cambadés, que renovou o seu compromiso con estas industrias porque “non ten sentido que estea noutro sitio”. Ao igual que González Formoso confía nas verbas tranquilizadoras de Costas –ao sector produciulle, todo o contrario–, pero “queremos velo por escrito”, advertiu.

Lago recordou que esta semana reunirase coa presidenta de Portos de Galicia, redactor do plan especial do porto, “para darlle conta das vías de solución que se abriron en Costas” e “imos plantexar como se podería resolver o problema”, detallou.

“O que queremos”, engadiu, “é que non se prolongue o conflito, que se exploren as vías de solución e que se propoñan xa medidas para continuar coa tramitación do Plan Especial onde a permanencia destas industrias neses terreos apareza con total seguridade xurídica”. 

O PSdeG reclama a Costas do Estado garantías por escrito para as depuradoras ubicadas en Tragove

Te puede interesar