Roi Casal: “Facemos un espectáculo moi potente e a xente sae dicindo que é algo máis que un concerto de música”

Roi Casal: “Facemos un espectáculo moi potente e a xente sae dicindo que é algo máis que un concerto de música”
Roi Casal actúa esta noite en Sanxenxo | d.a.

Roi Casal (Catoira, 1980) leva desde 2016 xirando co seu espectáculo ‘Son galego, son cubano’, no que recolle parte da pegada que deixou a emigración galega en Cuba, facendo “un produto de masas de algo que estaba relegado aos libros de historia”.


Como está indo a xira?

Está indo moi ben e estamos moi contentos coa resposta do público. Estamos ilusionados porque despois da pandemia está sendo a xira máis numerosa dos últimos dez anos.


Nótanse as ganas do público de volver atoparse con vós?

Levábamos catros nos con ‘Son galego, son cubano’ e as súas características son a antítese do que se podía facer na pandemia. Este ano sabiamos que ía volver a normalidade e apostamos por un espectáculo aínda máis grande. A acollida dunha xira que leva en curso uns cinco anos é moi boa.


Que vai atopar a xente que non coñeza o espectáculo?

O público sempre sae dicindo que é algo máis que un concerto de música. Isto pasa porque ten un trasfondo histórico de veracidade que lle transmitiu Neira Vilas nos seus últimos meses de vida. El díxome que deberiamos facer algo xuntos que puxese en valor a relación histórica entre Galicia e Cuba. Escribiu uns poemas e deume información sobre a importancia que tivo Cuba para Galicia, que practicamente era descoñecida.


Faino máis especial esa aportación de Neira Vilas?

Pouco antes da estrea no Gran Teatro de La Habana, Neira Vilas faleceu e, dende entón converteuse para todos en algo moi emotivo, máis alá dunha homenaxe a el e a toda a emigración. Tampouco é un libro de historia, a xente acaba sempre cantando e bailando porque son dúas horas de música en directo moi potente. Por iso creo que é único e merece a pena velo polo menos unha vez. A maior parte da xente engánchase.


Como foi traballar con el?

Eu volvía dunha xira en Latinoamérica, déronme un premio en Cuba e chamoume ao volver a Galicia. Foi unha sorpresa que me propuxera un proxecto de tal envergadura. A partir de aí conformouse algo que fai que ‘Son galego, son cubano’ sexa único e excepcional. Era o gran proxecto que el botaba en falta.


Que supón actuar tan preto da casa, como no caso de Sanxenxo?

Durante a pandemia acumulamos moitos compromisos para facer concertos en Galicia que se están levando a cabo agora. Fainos moita ilusión facer unha xira coma esta, tocando case todos os días e levando un espectáculo moi renovado a nivel técnico e que está no seu mellor momento. Estamos no punto de madurez perfecto para facer esta xira.


E pensa xa en novos proxectos?

‘Son galego, son cubano’ estará vivo todo o tempo que o público queira, pero si é compatible con facer outras cousas ao mesmo tempo. Á volta do verán sacaremos dous videoclips e dous singles con colaboracións moi especiais para dar un paso máis.

Roi Casal: “Facemos un espectáculo moi potente e a xente sae dicindo que é algo máis que un concerto de música”

Te puede interesar