O Salnés mantén viva a tradición coa multitudinaria celebración do “maio maiolo”

O Salnés mantén viva a tradición coa multitudinaria celebración do “maio maiolo”
A Festa dos Maios encheu de flores, música e alegría o parque Miguel Hernández | Gonzalo Salgado

Composicións moi elaboradas e confeccionadas con flores e produtos da terra, así como coplas cuxa tradición se remonta a centos de anos. A Festa dos Maios chegou onte a cada punto da comarca do Salnés con máis forza ca nunca despois de dous anos cunha tradición durmida a consecuencia da pandemia do coronavirus. Grazas ao traballo feito polos colexios, asociacións e particulares esta celebración de orixe pagá vai gañando ano tras ano e bo exemplo diso foi o que onte puido verse por toda a Arousa. En Vilagarcía o epicentro da cita volveu ser o parque de Miguel Hernández. Alí xuntáronse máis de corenta composicións de diferentes tipos co orgullo dos pequenos, profesores, pais e particulares que aplauden que esta fermosa tradición siga viva. As ANPA dos colexios Arealonga, Doutor Fleming, A Escardia e San Francisco, así como o colexio de Rubiáns, o Centro de EEJ de Guillán e a Residencia de Anciáns Divina Pastora foron artífices de auténticas obras de arte, así como particulares que gustan de preservar unha cita que é xa obrigada cada primeiro de maio.


Así pois en Vilagarcía puideron verse composicións cónicas –que un ano máis foron as máis numerosas–, así como caixas, cruces e barcos. Destacaron sobre todo as da modalidade de “artística” que coma sempre deixaron ver as fortes doses de orixinalidade que hai en Vilagarcía.


A capital arousá non foi o único punto no que a cidadanía puido gozar das diferentes composicións e das coplas feitas a propósito para a xornada festiva. De feito tamén houbo Festa dos Maios en Sanxenxo, en O Grove, en Caldas e noutras localidades da Ría de Arousa. O tempo acompañou e aqueles que perderon o momento central da celebración tiveron a oportunidade de ver as composicións a modo de exposición ao longo de toda a xornada converténdose estas nun punto de atracción de visitantes e curiosos.

O Salnés mantén viva a tradición coa multitudinaria celebración do “maio maiolo”

Te puede interesar