A derradeira obra de Ramón Cabanillas, ‘Samos’ —unha versificación da historia do mosteiro do mesmo nome— conta xa cunha versión traducida ao xaponés, obra do profesor da universidade de Xapón Takekazu Asaka, académico de honra na Real Academia Galega (RAG) e Premio Cabanillas no ano 2019.
Un proxecto que xurde co obxectivo de expandir a obra do “poeta da raza”. O edición presentarase mañá, na Sala Pìtusa Vidal Cabanillas (antigo Exposalnés), a partir das 20:30 horas, nun acto que contará coas intervención do autor, Takekazu Asaka, o académico Francisco Fernández Rei, o concelleiro de Cultura, Liso González, e Pitusa Vidal Cabanillas, neta do célebre poeta cambadés.
Asaka, gran coñecedor de Cabanillas e de Cambados, ten un forte vínculo coa vila, onde foi nomeado membro de honra da RAG e onde recibiu o Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño e onde é Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira. Sobre Cabanillas, traduciu ao xaponés o poemario “A rosa de cen follas” (2019) e editou en 2013 un estudo sobre a vida e a prolífica obra do poeta.
Membro corresponsal da RAG desde 2017, Takekazu Asaka leva máis de tres décadas estudando o idioma galego e a súa literatura, promovendo o seu coñecemento no seu país. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), foi docente de castelán na Universidade Tsudajuku de Tokio desde 1987 ata a súa xubilación, en 2022, e impartiu clases de gramática e literatura galegas entre 2005 e 2022 en varias universidades xaponesas no Instituto Cervantes de Tokio.