A Torre rescata da podremia e o esquecemento á xeiteira “Rabandeira”

A Torre rescata da podremia e o esquecemento á xeiteira “Rabandeira”
Non faltou o champán na botadura da embarcación restaurada polos propios socios da entidade | gonzalo salgado

Cambados volve a presumir de posta en valor do patrimonio marítimo. Nesta ocasión da man da Asociación de Embarcacións Tradicionais A Torre que, tras un ano de traballo de restauración, onte botou ao mar á dorna xeiteira “Rabandeira”, salvándoa do esquecemento, pero sobre todo dun futuro máis próximo ao vertedoiro que ás ondas da ría arousana. Esmorecía no Esteiro de Vilanova e o ruxe ruxe xa era unha “voz de alarma” entre as asociacións da zona porque ademais trátase dunha obra dun dos grandes mestres da carpintería de ribeira, Domingo Ayaso. Así o relata o seu presidente, Iago Otero, quen destaca a súa gran eslora –oito metros nada menos– e, de feito, asegura que “é a dorna máis grande” creada no taller do artesán aguiñense e cóntase que ata non foi doado sacala cando estivo rematada.


O cambadés e os seus compañeiros estaban onte “la mar de contentos”, e sirva o símil porque o resultado é froito de 12 meses de altruísta dedicación por parte dos socios, sacando tempo de onde non o había para darlle “unha nova vida”. Nova, pero sen esquecer o seu pasado e, de feito, “non lle quixemos cambiar o nome porque é parte da súa historia”, que non é moita en comparación con outras dornas, porque foi construída no 2001, pero tampouco se pode esquecer que, coa modernización da flota, a súa creación en masa é cousa dun pasado moi pasado –nos anos 50 eran un furor–. É máis, Otero calcula que deste tipo, destinadas ao xeito, deben quedar como unha decena en Galicia.


Gran reto

Sobre as súas condicións non oculta que eran bastante malas: buratos, tablas rotas e problemas de podremia por estar moito tempo recibindo auga doce da choiva. Tamén que para dar o paso foi un “aliciente e esencial” a concesión dunha axuda por parte da Deputación e que o Concello lles prestase un local no polígono, pois non cabe na súa sede de Tragove. E o reto non era menor pois “normalmente, en embarcacións destes tamaños recórrese a un astaleiro, pero puxémoslle moitas ganas”, engadiu o presidente.

Otero también quixo facer mención á axuda do Taller Grauner, porque lles fixo gratis todos os traslados, e da asociación Dorna da Illa e da federación Culturmar, que “mediaron para que nola cederan” porque, ademais de tratarse dunha labor de recuperación do patrimonio, ten a súa importancia para a propia asociación.


O cambadés explica que “é ideal para facer saídas conxuntas porque permite ata oito tripulantes”, así que será un novo atractivo para sumar novos defensores á súa causa. Non oculta que andan “un pouco baixos de socios e precisamos xente que se involucre na conservación e divulgación da navegación tradicional”. Pero tamén é preciso destacar que a súa ducia de membros ben pode presumir de algo moi importante: representar a un relevo xeneracional. Cabe recordar que Otero e o resto de fundadores eran un grupo de rapaces de vinte e poucos cando hai nove anos decidiron adquirir este serio compromiso e, de feito, empezaron cos “loros”, outra das xoias da ría arousana e das que se estaba a perder ata a memoria.


Así que as súas portas sempre están abertas para os que queiran aprender a navegar con vela, que engancha a quen a proba. Eles mesmos están desexando a chegada do bo tempo para volver a saír coas outras embarcacións patrimonio do club e dos socios. E por suposto con “Rabandeira”, aínda que terá que pasar un par de semanas varada en San Tomé para que xurda a maxia da auga salgada inchando a madeira ata alcanzar o perfecto selado das xuntas. Gustaríalles que fora antes da súa Regata do Salnés –en xullo–, concretamente para o Día das Letras Galegas, porque non poden esperar a gozar do resultado do seu esforzo e coller folgos para poñerse a traballar co seu próximo proxecto de restauración: a dorna Clara, que xa espera na súa sede.

A Torre rescata da podremia e o esquecemento á xeiteira “Rabandeira”

Te puede interesar