Xironsa deixa no aire o futuro do seu festival e lamenta a “falta de compromiso” do Concello

Xironsa deixa no aire o futuro do seu festival e lamenta a “falta de compromiso” do Concello
Un momento de una edición anterior del festival | d.a.

A Asociación Cultural Xironsa de Corvillón é unha das más antigas e emblemáticas de Cambados e a súa fama traspasou fronteiras locais polo festival que organiza todos os veráns, e dende hai 22 anos, coa posta en valor da música galega actual e tradicional. A cita medrou moito nos últimos tempos alcanzando tal dimensión que supera as enerxías e recursos propios da entidade e fai precisos apoios económicos externos. De feito, a última edición “non saiu economicamente ben”, recoñece o seu presidente, Liso González, e aínda que queda tempo, a asociación a mantén entre parénteses. “O festival non vai morrer e algo farase ese día, pero ao mellor a dimensión si hai que cambiala”, engade.


González explica que para continuar co modelo dos últimos tempos, con concertos de relevantes artistas e un completo programa de actividades, precisan máis financiación externa e apuntan sobre todo ao Concello. “Danos pena, pero se non hai un compromiso serio e non é un proxecto apetecible para o Concello, ao mellor hai que darse de conta de que non lle interesa, é resulta imposible tirar para adiante cando o 75 % do orzamento tes que cubrilo con recursos propios”, detalla. Cabe recordar, que xa hai uns anos queixáranse do recorte da axuda municipal.


A situación foi abordada na última asamblea xeral de socios celebrada neste mes para a elección de directiva, pero decidiuse seguir coa mesma, encabezada por González na presidencia aínda que engadindo dous novos vogais; “xente nova que quere participar e ampliar actividades e, de feito, os estatutos non definen o número de vogais precisamente para isto, para sumar xente”.


De feito, a asociación cambadesa avalía a recuperación de actividades suspendidas principalmente pola pandemia como “Aquí hai escola”, na que os alumnos das súas escolas ofrecen actuacións polo pobo en determinadas épocas do ano. Cabe recordar que ofrecen formación de gaita, tambor, bombo, pandeireta, canto ou baile tradicional, sen importar a idade ou se non se teñen coñecementos previos. Ademais, para os máis pequenos, de tres a seis anos, hai clases de música e movemento.


Durante os momentos máis duros da crise sanitaria tiveron que suspender a formación, pero o presidente indica que o regreso, coas medidas de seguridade impostas, resultou menos prexudicial do previsto e incluso teñen recuperado antigos alumnos. 

Xironsa deixa no aire o futuro do seu festival e lamenta a “falta de compromiso” do Concello

Te puede interesar