159 millóns

Un clásico dito da política americana reza que se queres que un problema non se resolva, monta unha comisión. Na avanzada, pero ás veces voluntariamente lenta, política galega poderíamos adaptar que se queres que non se coñeza información pública debes saturar de informes e provocar a desesperación por inundación.


Esto é o que, probablemente, pensa habitualmente o goberno galego que enterra as súas desfeitas en papeis perdidos e pretende agochalo todo en arquivos inhóspitos que se publican en medio do verán sen avisar. Isto é o que sucede co Consello de Contas, o órgano que fiscaliza o orzamento autonómico. Miles de millóns de euros controlados en milleiros de papeis onde aparecen alarmantes cousas como as denuncias por opacidade e outras perlas.


Entre tanta xoia que daría para que un político que pretenda ser serio se puxera colorado varias veces, e incluso pensara nalgún verbo con nome de ruso, soubemos nos últimos días cómo se gastaron os cartos públicos do ano 2020 (si, para saber o do ano pasado haberá que esperar...). E aí sabemos que, no medio da pandemia que nos sacudiu a vida, Galicia recibiu unha choiva de millóns de euros dende o goberno do Estado para reforzar os servizos públicos e as axudas fronte a tal situación. Entre eles 418 millóns de euros para adicar a sanidade. Non había cuestión máis importante por entón (e diría que segue sen habela). Pois sabemos tamén, agora que están as contas feitas, que houbo cartos aí que se desviaron a outras cousas. Cantos? Pois non foi 1, nin 2, nin 3, nin 10, nin 25, nin 50, nin 100...foron 159 millóns. Dos que non hai rastro en sanidade. Permitirían duplicar a frota de ambulancias e contratar decenas de sanitarios máis, incorporar máis recursos para a saúde mental e axilizar operacións que están pendentes. Non se gastaron aí. Onde acabaron? Non se sabe. Pode que se usaran para pagar débeda aos bancos, facturas nos caixóns ou a saber que. Como pode ser que non se saiba? Esa é a pregunta que define a situación.


Polo de agora, todo evasivas e moito enfado porque existan políticos que preguntamos. Xa ven, o mundo ao revés. Faltan 159 millóns que o goberno de Galicia desviou da sanidade a outro lugar e alguén se enfade porque se pregunte, non porque falten. Menudo país.

159 millóns

Te puede interesar