O feminismo, xunto co ecoloxismo, é o gran movemento social e cultural do século XXI. E xa chegamos tarde. Tantas precursoras de onte (e antes) culminaron nun proceso que xa é imparable pero ao que lle queda moito por facer e conseguir. Entre outras cuestións, fixar a axenda política e cultural é un avance de gran valor, pero non debe quedar aí.
O máis brutal que exemplifica a extrema necesidade dun movemento feminista está na continuada presenza de violencia contra as mulleres polo feito de ser mulleres. As ameazas, insultos, desprezos, o control como parellas, a discriminación laboral, a instrumentalización dos fillos das parellas, o control económico...existen numerosas expresións de violencias que dinamitan calquera intento de facer parecer que vivimos nunha situación igualitaria.
Por enriba de todas esas expresións seguimos ante o drama do tormentoso goteo incesante de asasinatos machistas. Máis de 1000 mulleres en España só cos datos oficiais, 2 delas este mesmo ano en Galicia. Se algo pode ser máis horroroso é que normalicemos os asasinatos machistas.
Ou que se xustifiquen ou intenten minusvalorar, como se se tratase de calquera outro problema ao que dar pouca importancia. Coma se un divorcio xustificase persecucións e ameazas por ser duro, coma se a culpa de que agredisen a unha muller pola noite é de que volveu sola para casa.
Por iso precisamos alertar da realidade en días como o 25 de novembro, día pola eliminación da violencia contra a muller. Porque non hai dereito a que se agreda a unha muller por ser muller coma se a min puidéranme agredir por chamarme Julio ou a alguén por levar sombreiro.Porque aos negacionistas hai que arrinconalos, porque non cabe ser ignorantes ou cegos por vontade propia. Porque hai moito feito, pero queda moito por facer.