Son 485€. Esta é a cantidade. Pode parecer unha miseria se falamos, por exemplo, do que cobra unha persoa con cargas familiares na chamada “axuda familiar”. Pero estamos esaxerando, a axuda familiar son 435€. Pero se falamos de dous concelleiros, de dous responsables municipais, a concelleira de Urbanismo e o concelleiro de Obras, que foron recibir o premio concedido a Vilagarcía polas cidades que camiñan, eses 485 euros son dúas noites de hotel por cada un deles. Non dubidaron en gastar eses cartos: 485 euros cada un. 242’5 euros por persoa e noite. Dúas pagas mensuais de axuda familiar. 975 euros para recoller un premio comprado.
Este é o debate. Se é moito ou é pouco. Cada quen pode sacar as súas propias conclusións, pero non debe calcular polo que as súas contas permites, senón polo que se pode permitir o concello. Estou seguro de que se ambos responsables fixesen ese mesmo viaxe pola súa conta, entrarían nunha web e buscarían un hotel apañado de prezo. Pero esta concelleira e este concelleiro son sibaritas con cartos públicos e así é máis fácil ir a hoteis caros. 975 euros.
O mesmo é por estas cousas polas que o goberno non quere dar a coñecer os gastos de viaxes cobrados o ano pasado. Cada vez que coñecemos algún nunca deixamos de asombrarnos.
Sobre todo porque o que non se escatima en protocolo de merendas regatéase en axudas, educación, deportes. Nas necesidades o concello afina o ollo, nas comodidades e luxos do grupo de goberno o tubo polo que escapan os cartos é moi ancho. A min paréce moito gasto para dúas noites de hotel e dúas persoas. E paréceme un moi malo exemplo. A cidadanía de Vilagarcía decidirá se é moito ou é pouco. Pero en calquera caso, este tipo de gastos deberían ser explicados porque se o grupo de goberno pensan que son normais, por que os esconden?