Cantos dos que estades a ler este artigo cobrades 53.000 euros? Oxalá que moitos. Pero seguro que estas cantidades non entran anualmente nas vosas casas, pode que incluso sumando dous salarios. Esta é cantidade declarada polo alcalde de Vilagarcía e cómpre non esquecer que isto foi o primeiro que fixo coa súa primeira maioría absoluta: subirse o salario un 20% e nomear 7 concelleiros liberados que tamén cobran os seus salarios.
A pregunta que hai que facerse, que tamén debería facerse o propio alcalde, é se alguén que cobra moito máis que a media dos seus administrados pode entender as necesidades dos seus administrados. Pode alguén cun salario por riba do común poñerse nos zapatos das persoas que cobran un salario común? E xa non digo da xente que está por baixo do común.
Hai máis preguntas: o nivel de traballo do grupo de goberno de Vilagarcía é o que corresponde a un grupo de goberno con sete concelleiros liberados cos seus salarios respectivos a tempo completo? O alcalde e os seus sete concelleiros asalariados están devolvendo a Vilagarcía en traballo o que Vilagarcía lles paga en cartos? Para min, todas estas preguntas teñen resposta negativa. Nin o traballo, nin os resultados, nin a situación da cidade, nin o dos seus servizos xustifican sete concelleiros liberados, e tampouco xustifica o nivel salarial do alcalde.
Eu defendo de sempre que quen se dedique á política a tempo completo, con labores de goberno ou de oposición, cobre un salario como en calquera traballo. Debe poder dedicarse todo o mundo e non só os que disfrutan de posicións económicas acomodadas e pode dedicarse á política porque teñen rendas para facelo. Pero un soldo digno e un salario moi por riba da media non teñen a mesma cantidade. E os resultados tamén deben contar. En Vilagarcía as cantidades salariais do alcalde e dos concelleiros non se xustifican e habería que revisalas á baixa. Cando menos na cantidade que se autoincremento o alcalde na última vez.
Isto aínda nos levaría a outras preguntas: se o alcalde de Vilagarcía volvese repetir no cargo despois do mes de maio, explicará cal que á cantidade de verdade que gana agora mesmo? E xunto a esta pregunta que non ten resposta porque o alcalde non quere dala porque quizais se foi subindo o soldo anualmente. De repetir no posto, vai volver a subirse o soldo como a primeira medida do seu mandato?