Vai facer cinco anos que unha pandemia nos obrigou a illarnos nas nosas casas e dende que o feminismo foi acusado como axente propagador da COVID durante as celebracións do 8-M. Non importou que ningún órgano científico prevese a incidencia real do virus, tampouco que por todo o país tivesen lugar milleiros de eventos multitudinarios. O fundamental era sinalar ao feminismo nun momento no que marcaba a axenda política e comunicativa. Tiñamos que prever o que se nos viña enriba.
Que se desviamos o foco das cuestión importantes -como se as que atravesan as vidas das mulleres non o foran-, que se vitimizamos aos homes, que se fomos demasiado lonxe... Con todo, o feminismo está a ser o principal cordón democrático contra a extrema dereita, porque, mentres intentan distraernos abríndonos os ollos ao machismo existente nas organizacións políticas de esquerda ou ensinándonos como ser boas feministas, nós non esquecemos que o patriarcado é unha cuestión estrutural que impregna todos os niveis da sociedade e por iso seguimos saíndo ás rúas.
Cando fai preto de cinco anos que dende as nosas ventás saíamos a aplaudir ás sanitarias e traballadoras de coidados e discursos exultantes reivindicaban a mellora das súas condicións laborais, preguntámonos que cambiou? As mulleres que coidan seguen facéndoo na mesma precariedade, con baixos salarios e pouco recoñecemento social. A división sexual dos traballos de coidados foi e segue a ser unha das principais causas das discriminacións laborais que sufrimos as mulleres, e se hai mulleres científicas, ministras ou xuízas que poden desenvolver as súas carreiras profesionais non é por un reparto equitativo destas tarefas entre homes e mulleres, senón porque outras mulleres, maiormente migrantes, as desempeñan. Agora que vemos como en USA están sendo perseguidas e expulsadas, ou como a extrema dereita medra co bulo das paguiñas, insistimos na necesidade de dignificar as condicións laborais e económicas das coidadoras e reivindicamos o papel das persoas migrantes na nosa sociedade.
O feminismo nos ensina a apoderarnos, tamén a ser conscientes das diferentes discriminacións que atravesan a outras mulleres e, polo tanto, a recoñecer o propio privilexio. Coraxe para avanzar e sororidade para acompañar. E que viva a loita das mulleres!