8M: Estancamento do feminismo, ameaza da desinformación e novos retos

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é un momento clave para analizar os avances do feminismo, pero tamén os desafíos aos que se enfronta. Aínda que se conseguiron vitorias importantes e indiscutibles en dereitos laborais, igualdade legal e loita contra a violencia de xénero, o movemento parece ter entrado nunha fase de estancamento. A isto súmase un reto crecente: a desinformación e o auxe do discurso antifeminista impulsado pola extrema dereita.


 

Un movemento estancado?

 

O feminismo logrou fitos fundamentais, como o recoñecemento do acoso como delito, a ampliación dos dereitos reprodutivos e o aumento de mulleres en espazos de poder. Porén, a sensación de parálise nas políticas de igualdade é cada vez máis palpable.


Este estancamento pode deberse a varios factores:

 

  • Resistencia institucional: A implantación de políticas de igualdade atopa oposición en certos sectores políticos e económicos. A día de hoxe, podemos dicir que o anterior Ministerio de Igualdade foi exemplar recollendo os debates feministas colocando o foco no consentimento, exemplo para o resto de Europa (Lei do só Si é Si, Lei Trans…). Así como neste intre está enriba da mesa conseguir blindar o aborto na Constitución española e obviamente sería un gran logro para non continuar loitando por algo que non debería ser un debate pero, na actualidade na súa legalidade non podemos afirmar que todas as mulleres poidan abortar de forma segura e gratuíta.
     
  • Crise de representación: Algunhas feministas consideran que o movemento perdeu a súa conexión coas preocupacións cotiás de moitas mulleres. Repito, o feminismo é de todas: as trans, as migrantes, as bixesuais, as bolleras, as racializadas…
     
  • • Desinformación e reacción antifeminista: O discurso en contra da igualdade intensificouse, especialmente nas redes sociais e nos medios de comunicación.


 

O avance do discurso antifeminista

 

Un dos maiores retos actuais é a crecente aceptación de ideas antifeministas na sociedade. Un dato preocupante demóstrao: o 60% dos homes no Estado español cre que o feminismo “foi demasiado lonxe” e que acabou por discriminalos, mentres que entre as mulleres a porcentaxe é do 43% segundo o último estudo sacado por Ipsos.


Este discurso, promovido activamente pola extrema dereita a nivel mundial, refórzase nas redes sociais, canles de streaming e comunidades en Internet. A estratexia consiste en presentar o feminismo como unha ameaza para os dereitos dos homes, erosionando o apoio ao movemento e xerando unha reacción contraria á igualdade de xénero.

 

Conseguiron que a palabra feminista cree rexeitamento, que os máis mozos continúen co discurso de “nin feminismo nin machismo, igualdade” e que se sintan ameazados porque as mulleres teñamos os mesmos dereitos, é unha situación terrible sobre todo para as próximas xeracións que teñen que tomar o timón da loita.

 

A pesar disto, hai un dato positivo: O Estado español segue sendo o país europeo cunha maior porcentaxe de persoas que se definen como feministas. Porén, incluso esta cifra está en descenso, o que reflicte o impacto da desinformación e da ofensiva contra o movemento.


 

Novos retos

 

O feminismo como falamos enfróntase a unha serie de desafíos que marcarán o seu futuro e a súa capacidade de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

 

 

  • Combater a desinformación e o discurso antifeminista


A extrema dereita e certos sectores conservadores impulsan unha narrativa que presenta o feminismo como unha ideoloxía radical que busca privilexios en lugar de igualdade. O feminismo debe reforzar as estratexias de comunicación para desmontar estas mentiras e explicar con claridade os seus obxectivos reais.

 

 

  • Atender á diversidade e á interseccionalidade

 

O feminismo debe garantir que a loita pola igualdade non se limite a unha única perspectiva, senón que integre as voces de mulleres racializadas, migrantes, LGTBIQ+, con discapacidade ou pertencentes a diferentes clases sociais. A interseccionalidade debe ser unha prioridade para evitar que certas realidades queden excluídas do debate.


 

  • Avanzar en igualdade económica e laboral


A fenda salarial segue sendo unha realidade, ao igual que a precariedade laboral feminina e a dificultade para conciliar vida laboral e familiar. A corresponsabilidade nos coidados, a loita contra o teito de cristal e o acceso equitativo ás profesións altamente remuneradas son desafíos pendentes que requiren políticas efectivas e cambios estruturais.


 

  • Erradicar a violencia de xénero en todas as súas formas


Segundo feminismo.net no que vai de ano levamos 11 feminicidios, aumentan as resistencias contra as leis de protección ás vítimas, e as novas formas de violencia dixital (ciberacoso, pornografía non consentida, discurso de odio) que fan necesario unha actualización das medidas. A clave segue residindo na coeducación dende a infancia.


 

  • Aumentar a presenza feminina na política e nos espazos de decisión

 

A representación política e institucional das mulleres aínda está lonxe da paridade real. Debemos garantir unha maior presenza feminina en postos de poder, así como unha axenda feminista nos gobernos e institucións, é clave para evitar retrocesos nos dereitos conquistados. Amais, sen esquecer a presión a que se ven sometidas estas mulleres, elas non poden errar; e que están na súa posición grazas a outras mulleres como as que limpan as súas casas.


 

  • Protexer os dereitos sexuais e reprodutivos


Nalgúns países obsérvase un retroceso nos dereitos das mulleres, especialmente no acceso ao aborto e á saúde sexual e reprodutiva. O feminismo debe blindar estes dereitos fronte ás ameazas conservadoras que buscan restrinxilos.

 

O movemento ten por diante retos esixentes, pero tamén conta cunha longa traxectoria de loita e resiliencia. En tempos de desinformación e reaccións antifeministas, a organización, a educación e a mobilización social son máis necesarias que nunca.

 

Este 8 de marzo aínda que para min cunha sabor agridoce, debemos saír ás rúas con máis empeño, “Viva a loita das Mulleres”.


 

Sara Outeiral Cameán, membro de Mulleres en Acción da Barbanza

8M: Estancamento do feminismo, ameaza da desinformación e novos retos

Te puede interesar