As campañas electorais son, paradóxicamente, espazos onde é máis complicado facer balances políticos con xeito e con ponderación. A pesares de que se presentan como tempos para avaliar, dase a coincidencia de que é este tempo no que todo se acelera, todo se presenta de maneira máis exarcebada (a favor, en contra ou medio pensionista), os que nunca están aparecen constantemente e incluso hai quen pretende enganar repartindo cartos coma se fose unha feira a pesar de negar o pan e a sal durante anos (como quere facer Rueda agora coa xente do marisqueo que leva anos véndolle as costas e nunca a cara).
Precisamente por todo iso estes tempos, mal chamados de precampaña, son épocas moi carnavaleiras nas que moitos quérense disfrazar e aparentar o que non son. Así que, mellor que esperar a ver o que nos contan, podemos botar a vista atrás antes de escoitar o carrusel de novas promesas por incumprir.
Chegados a este punto eu, como veciño desta comarca de Arousa, podería preguntarme se as esperas polo médico no centro de saúde foron a mellor ou a peor na última década; ou se a situación do marisqueo é mellor ou peor; podería preguntarme se é digno que no século XXI sexa máis difícil viaxar en autobús pola comarca que ir en tren a Madrid; podería preguntar por que Arousa crece economicamente ao ritmo dunha Galicia que o fai máis lento que o resto de España... Podería facer todo iso e tamén podería intentar facer o exercicio de lembrar o último gran investimento que fixo un goberno galego nesta comarca. Promesas? Moitas. Realidades? Pois vainos ser difícil atopalas.
Teño a sensación de que en Arousa, e en Galicia en xeral, vivimos nunha eterna resignación na que asumimos que somos unha gran terra que vai saíndo adiante a pesares de non ter gobernos que a impulsen. Hai quen insiste, ademais, en que todo vai moi ben e que mellor que non se mova nada. Permítanme discutir. Esta terra ten unha capacidade enorme de ser moito máis. Arousa é un lugar privilexiado para vivir, e Galicia é un país cheo de xente capaz e atrevida. O desánimo por pensar que “éche o que hai” necesita quedar atrás. Para iso deberan servir as campañas electorais e, especialmente, o voto que pode cambiar toda esa desesperanza. É tempo de abandonar a resignación, e a iso hai que dedicar o esforzo. Eu estou nese reto, e quero ir da man de todas as persoas que tamén o vexades así.