Abrir Vilagarcía ao mar

Podo parecer pesado recordando os mais de catro millóns de euros gastados polo Concello de Vilagarcía, para mercar terreos portuarios que xa eran públicos. Hoxe, mentres calquera pasea pola Alameda, pode comprobarse como o derrubo da antiga comandancia sería unha estupenda oportunidade para recuperar un espazo diáfano que deixaría o centro urbano máis cerca da nosa fachada marítima. Pero por capricho o goberno local decidiu outra cousa. Coloca nese mesmo espazo o novo centro sanitario que tardará como mínimo dous ou tras anos en estar operativo. A demolición é outro anuncio electoral. Pero o que necesita Vilagarcía son profesionais da saúde e non cemento indiscriminado.


Da mesma forma, os terreos mercados ao carón da praia continúan coma sempre, como un aparcamento e unhas naves que distancian a Vilagarcía do seu litoral. Catro millóns de euros perdidos, unha oportunidade perdida para devolverlle a Vilagarcía o seu carácter marítimo.


Todo o espazo que está entre a avenida da Mariña e o mar debería estar o máis diáfano posible. Teríamos que evitar calquera construción e recuperar esa fachada para a cidade e para a xente. Pero tiramos catro millóns de euros e o obxectivo de que Vilagarcía recupere o mar está cada vez máis lonxe. Agora mesmo xa parece imposible.


Imposible porque o así o quere o grupo de goberno e a concelleira Paola Mochales, unha concelleira de Vilagarcía que no consello de administración da Autoridade Portuaria a favor de permitir a concesión aos parquistas por outros 25 anos máis as naves do Ramal. Non son só números, a nosa xeración xa non verá como esa zona recupera o mar de Vilagarcía.


Seguimos cos mesmos erros do pasado, como cando se fixo o recheo da fachada marítima de Vilaxoán e perdemos para sempre un litoral privilexiado. Agora estamos nun momento chave para recuperar o mar en Vilagarcía ou perdelo para sempre. Estamos máis cerca do segundo que do primeiro. Algún día teremos que recuperar a cordura.

Abrir Vilagarcía ao mar

Te puede interesar