Para manter, coidar e defender ao medio ambiente cómpre ter xeito, idea e método. Cómpre ter sensibilidade e moito interese por defender, en primeiro lugar os intereses públicos, os de todos, os da veciñanza, os dos que se foron e os dos que volven ou veñen. Nos intereses de todos están, obviamente, os nosos, que tamén son vosos. Madía leva!
Seguindo co son dos tempos e para que se vexa ou se pense que hai interese dende o Goberno polo medio ambiente, a Xunta de Galicia, a través da páxina Web de Sogama, das redes que manexa e mesmamente a través dos medios de comunicación, fai pública a necesidade de practicar hábitos responsables da cidadanía, entre eles, a procura da redución “da produción de residuos, minimizar o desperdicio alimentario ou aforrar auga e enerxía”.
Aí queda iso! Dito desa maneira, aí queda e cadaquén que pense como queira. Faise público un decálogo para fomentar as boas prácticas medioambientais e para que a cidadanía respecte e protexa, fronte ás adversidades, ao medio ambiente, durante estes meses de verán cálido e de calor duradeira.
Trátase de concienciar á cidadanía sobre a importancia de “poñer en práctica pequenos xestos que levan asociadas grandes recompensas”, como a minoración da produción de refugallos, de plásticos e toneladas de elementos inservibles e moitos deles tóxicos. Unha das medidas que propoñen é levar unha bolsa no peto, para que, cando se presente a ocasión, podan saír ben parados.
Entre as recomendacións está a de prescindir daqueles produtos de usar e tirar e tamén dos envoltorios e envases innecesarios. Doe a cabeza ao ler os datos que aporta o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, indicando que se consumen en España ao redor de trece millóns e medio de toneladas de plástico ao ano. Máis dun millón das mesmas son de material supostamente nocivo e dun só uso.
É evidente, o mundo rico luxa e non limpa. As botellas de plástico enchen os mares e os océanos, e os científicos advirten que para o ano 2050 haberá nas augas máis plástico que peixes. Ao parecer, o plástico tarda cerca de medio millón de anos en desaparecer e non alimenta nada a ninguén, degrada, desfai, contamina, aumenta e mata. Neste caso, como di a Tía Manuela, “as autoridades deberían aplicar normas preventivas, actuar e despois falar”.