lberto Varela quere aprobar os orzamentos de Vilagarcía antes de que acabe este mes. Un grupo de goberno sen grandes présas durante catro anos agora quere apurarse para aprobar uns orzamentos no último pleno posible. No último deste mandato municipal. O alcalde dirá que é eficacia, pero é medo. É medo a perder e as ganas de deixar todo máis ou menos atado os asuntos económicos máis directamente relacionados con salarios e postos de traballo.
Ao aínda alcalde de Vilagarcía, que tanto leva presumido de maioría absolutista, de transparencia e democracia, a proximidade da vindeira electoral sitúao nun cálculo no que toma decisións que, tal como calcula el e grande parte da cidadanía, non vai poder tomar despois de maio. Toma unha decisión e amaña os orzamentos para que, no mellor dos casos, non teña que negocialos e renunciar aos privilexios. Esta decisión, por si mesma, xa explica a actitude de goberno de Varela: o cálculo do que lle convén ao seu goberno antes do que necesita Vilagarcía. Primeiro o goberno, despois a xente.
Pero deixar atados os orzamentos explica máis: como un alcalde é capaz de saltarse as normas e tomar decisións que non lle competen. E un alcalde non pode decidir un orzamento para un período no que aínda non é alcalde. Varela pode ser alcalde agora, pero durante máis de seis meses deste ano non pode dicir que o sexa. Non pode tomar decisións do alcalde do futuro. Aínda que fose el. E se fose el por que ía estar tomando a decisión agora?
Varela non entende o estilo negociador nin tampouco quere admitir que hai xente á súa esquerda. Varela e todo o PSOE de Vilagarcía levan catro anos xogando a ese truco de ter maioría absoluta e non render contas. Pero o truco gastado en tantas bazas vaille pasar factura e esa factura non podería pagala cun orzamentos firmados despois de que se saiba quen estará na próxima corporación. A Varela non lle gusta negociar pero gústalle figurar. Por iso pediu ao oposición aportacións para os orzamentos e non usou ningunha delas. Cincuenta, enviou Esquerda Unida – Vilagarcía en Común en decembro e nin contestación. Pero agora vai o alcalde correndo para ver se aínda non sendo alcalde siga manexando el os cartos.