As moreiras

Esta clase de árbores, nas súas varias especies,aínda que parece ser orixinaria de países do Leste, é moi coñecida en Galicia e, concretamente en Ferrol,onde hai xa moito tempo tivemos un “mini” bosque destes interesantes exemplares. 


Estaba situado no espazo que hoxe é a Praza de España e que foi arrasado con motivo desa construción.  Lembro que alí iamos os pequenos a buscar follas daquelas árbores, que servían de alimento ás nosas colonias de “vermes da seda”, as que nos proporcionaba o garda mediante un permiso que había que pedir no Concello. Seica hoxe a rapazada está máis interesada na intelixencia artificial que na natural, que está a perder moita importancia.


Daquela desfeita arbórea só se salvaron tres exemplares, que foron transplantadas na que ía a ser a Praza de Sevilla, mais a desfeita non rematou aí, pois das tres só queda unha, que aínda hoxe, despois dun novo transplante, érguese orgullosa preto do parque infantil, malia os poucos coidados que se lle dedican.
Nembargante, como é unha especie moi prolífica e prende facilmente, varios espichos de ponlas das sucesivas podas, foron levados para a zona de Doniños, onde prenderon axiña e onde se consrven varios fermosos exemplares. 


Tamén se intentou unha reprodución no paseo fronte á praia, co coñecemento e apoio da Asociación de Veciños, mediante a plantación duns vinte espichos, pero a idea non deu resultado, porque alguén arrancounos todos. Coido que é unha mágoa, porque a moreira non só é unha árbore ornamental, senón que, ademais de ofrecer sombra no verán, produce saborosas moras que serven de alimento a moitas clases de paxaros e iso sen ter en conta o exemplo do ciclo vital que representa, acollendo aos vermes que se crían dentro dun “capullo ou ovillo” de seda formado por eles mesmos  e que se transforman en avelaiñas para furar o envoltorio e saír para comezar, se cadra, outro xeito de vida. 


Por se fose pouco, tamén pódese atopar outro xeito de vida nese fío de seda que segregan os vermes, pois ten diversas aplicacións na industria textil; mais nese caso, hai que ferver o capullo para que a avelaíña non rompa o fío. 
​​​​​​​     Impresionante, nonsi?

As moreiras

Te puede interesar