Tempo da Semana Santa, datas de vacacións para algunhas poucas persoas; e, sen entrar na consideración da moral católica, época para reflexión ollando para os símbolos de paixón e dor que caracterizan o alcume de certos días na devoción cristiá: Venres de dores, sábado de paixón. Unha mirada para o mundo social de aquí, relacionada co viacrucis polo calvario da crise múltiple vivida.
Velaí, a teoría do ascensor social é unha metáfora que se utiliza para describir a mobilidade social das persoas, é dicir, a capacidade que teñen de cambiar de posición económica, educativa ou laboral ao longo da súa vida. Segundo esta teoría, o ascensor social debería permitir que as persoas con talento, esforzo e mérito puidesen subir de nivel e mellorar as súas condicións de vida, independentemente da súa orixe familiar ou social. Con todo, nas últimas décadas, o ascensor social vai lento e por veces está avariado, debido ao aumento da desigualdade, a crise económica, o estancamento dos salarios, a precariedade laboral e a falta de oportunidades educativas. Aínda máis, vai ao revés; e dicir, está descendendo. Un informe da OCDE, di precisar catro xeracións para que unha persoa nada nunha familia pobre alcance o nivel medio de ingresos nos países membros.
A desigualdade e a mobilidade social son dous conceptos que reflicten a distribución das oportunidades e os recursos entre os individuos e os grupos sociais. Ambos os conceptos están relacionados, xa que unha maior desigualdade adoita implicar unha menor mobilidade social e viceversa. Os expertos demostraron que a mobilidade social non funciona no ámbito estatal, e peor aínda é a situación galega. Corrixir a desigualdade non foi unha prioridade, polo menos nesta lexislatura. Un informe elaborado para o Alto Comisionado de Loita contra a pobreza infantil calcula que só o custo económico global de non facer nada respecto a este grave problema, supera en moito aos recursos necesarios para poñer fin a esta secuela silenciosa. A crise dos últimos anos provocou un aumento do desemprego, a pobreza, a exclusión e a precariedade laboral, especialmente entre a mocidade, os inmigrantes e as mulleres. Ao mesmo tempo, alén do que aparenta a propaganda dos gobernos de quenda, produciuse unha redución das políticas públicas de protección social, educación, sanidade e vivenda, que debilitaron o estado do benestar e aumentaron a fenda entre os grupos máis favorecidos e os máis desfavorecidos. Procesos que causaron unha maior polarización social e unha menor cohesión. Agora avánzase indo cara atrás.
Por iso, é necesario promover políticas públicas que garantan unha repartición máis xusta dos recursos e as oportunidades, que fomenten a educación e a formación como motores de mobilidade social, que combatan a discriminación por razón de xénero, orixe ou calquera outra circunstancia e que fortalezan a cohesión e a solidariedade entre os diferentes grupos sociais. Conquistar futuro.