Cada unha de nós é única e irrepetible

Cuixéramos expresar o noso interese de colaboración con todas as redes e institucións de desenvolvemento local do noso municipio para fomentar e informar de todos os recursos dispoñibles de integración sociolaboral e económica para todas as mulleres, especialmente as que están en risco de exclusión social, as mulleres que viven no rural, e as que se adican ao sector marítimo pesqueiro como son as mariscadoras a pé e a flote que tan mal o están a pasar nestes intres, polo parón no seu traballo e sen recibir case ningunha axuda económica.


Tamén quixéramos reivindicar unha sede propia para a asociación, onde poder realizar as reunións, charlas e campañas de sensibilización en defensa das liberdades, dereitos e intereses das mulleres e as súas crianzas da nosa bisbarra e arredores, coa fin de loitar para erradicar calquera tipo de violencia de xénero.


Aínda que imos avanzando a modiño en melloras, resúltanos desconcertante que, en pleno século XXI todavía teñamos que reivindicar os nosos DEREITOS.


Nun período curto de tempo conseguimos o dereito ao voto, acceder a estudos universitarios, a poder ter unha conta no banco sen permiso de ninguén. Cousas que hoxe nos parecen do máis normal, pero que nos eran negadas por ser mulleres. E aínda que na actualidade temos dereito a decidir sobre o noso corpo ou a maternidade, seguimos sendo xulgadas, non só polos homes, se non por mulleres coma nós.


Seguimos sendo maltratadas, tanto física como psiquicamente polas nosas parellas, seguimos sendo violadas e asasinadas, e falamos en plural porque cada vez que tocan a unha, tócannos a todas.


Seguimos reivindicando o dereito a saír á rúa sen ter medo, a non ter que ser unha SUPER-MULLER para que nos valoren, a poder dicir NON e que nos respecten por elo, e unha vez que academos os nosos obxectivos de ter os mesmos dereitos e deberes que os homes na realidade, porque en teoría xa aparecen reflectidos na Constitución do 78, entón seguiremos celebrando este DÍA, para que non quede no olvido, que houbo mulleres que tiveron que loitar para que poidamos ser iguais.


Para poder acadar todo isto temos que empezar por nós mesmas, por aprender a querernos tal e como somos; altas ou baixas, gordas ou delgadas, loiras ou morenas; que ao mirarnos no espello vexamos reflectida a imaxe do que somos: MULLERES EMPODERADAS, dispostas a conseguir o que nos propoñamos, sen deixarnos influír polas opinións de outros/as, porque BASTA XA!!! de que sempre se opine de nós sen pedilo.


Cada unha de nós é única e irrepetible. Como dicía Bebe nunha das súas cancións: “Hoxe vas a ser a muller que che dé a gana de ser “.


Hoxe e mañá e a semana que vén, porque xustamente as celebracións deste Día da Muller son para que non soamentes nos lembremos das tarefas pendentes un día no ano, senón a cada paso, en cada espertar e en cada atardecer: nos espertares para erguerse con ganas de mellorar todo ao noso redor; nos atardeceres para ver achegarse as estrelas no escuro e seguir pedindo desexos de cambios reais. Nós, Féminas en Acción, neste atardecer, queremos compartir convosco o noso desexo: manter a forza, as ganas e a alegría para seguir adiante xuntas.

Cada unha de nós é única e irrepetible

Te puede interesar