O cantar dos reis

Historicamente, na evolución da cultura humana, a convivencia harmónica entre civilizacións de proximidade foi adherindo incorporacións da veciñanza ás tradicións propias, sen alterar o fondo da súa esencia. Acción recíproca que, sumada ás contribución de mellora endóxenas, produciu un dinamismo que agrandou o patrimonio cultural de base inmaterial enriquecido así na súa liña de continuidade natural, mais sempre sen perder identidade. Agora, coa acelerada globalización no ámbito de comunicación de masas, a cultura propia vese incapaz de evitar a invasión de modelos alleos á nosa tradición secular, asoballada por modas foráneas que van suplantando ao modelo autóctono que precisa de reflexión de tipo antropolóxica para ser explicado ás xentes de agora.


Velaí a mutación radical que se vén producindo arredor das Festas do Nadal, nas que os referentes clásicos mudaron cara ao sistema creado polo interese mercantil exterior. Así, o foco de atención infantil na figura dos Reis Magos, perde forza a favor dun exótico Papá Noel, ese que nunha axeitada adaptación ao noso idioma deberiamos chamar Pai Natal, unha figura que permite multiplicar o efecto comercial espallando, e mesmo duplicando, os tempos de comprar agasallos. Co foco orientado a iso, aos produtos de consumo, fica no voluntariado cultural o labor de recuperar os valores da relación social que no pasado próximo representaron os cantos de Nadal.


Aquí, os cantares foron diferentes para Noiteboa, Aninovo ou Reis, alén da súa semellanza na estrutura e no modo de execución. É doado confundir coas actuais panxoliñas, porén estas son máis novas, distantes do cantar tradicional que ía, especialmente no ámbito rural, porta por porta ata rematar nunha última de confraternidade ampla, sendo máis habituais os formados por nenos. En todos eles mantense un ritual de tres tramos diferentes. Ante todo, o permiso, licenza ou presentación para non cantar sen consentimento expreso do destinatario: “Licenza pido, señores, se vostedes nola queren dar para cantar estes reis que xa imos comezar”. Logo sigue o canto coa historia narrativa, que mesmo pode adaptarse aos moradores, dun xeito así: “Os tres reis magos van para Belén, quitaron os zocos para correr ben. Lupe de Caveira failles o café, Esperanza de Macario peneira de pé...”. E finalmente a petición de aguinaldo, aspecto delicado que se acomete coa intuición psicolóxica dos destinatarios, tirando da gabanza, “nesta casa fiadiña, fiadiña de por dentro, que por moitos anos vivan as persoas que están dentro”, ou con mensaxe retranqueira: “Vimos cantar os reis do Kikiriki, se non nos dan nada, cagamos aquí”. Humor galego, abofé.


Sen dúbida, calquera tempo pasado foi diferente. Recuperar o noso é restaurar a memoria colectiva da nosa identidade cultural. Daquela, a boa nova, é saber que un estudo recente do Observatorio da Cultura Galega asegura que agasallar en galego é unha opción ben considerada por moita xente. Camiño de esperanza que fai crer que é posíbel virar a favor da cultura do noso.

O cantar dos reis

Te puede interesar