O Himno Galego, é un símbolo da identidade cultural de Galiza. A súa creación foi un proceso que implicou iniciativa, traballo, compromisos, certos incumprimentos e, finalmente, a elección da composición musical de Pascual Veiga e o texto poético de Eduardo Pondal. A iniciativa para crear un himno galego xurdiu no século XIX, no marco daquel movemento que precedeu ao nacionalismo, o Rexurdimento, que buscaba reafirmar a identidade cultural galega. A idea era crear un himno que reflectise a historia, a cultura e as aspiracións do pobo galego. Así, o himno galego identifícanos e represéntanos e como símbolo nacional amosa a nosa vontade de ser e existir como pobo, ao tempo que reclama o dereito a sermos libres. Velaí, este próximo 20 de decembro de 2023, vanse cumprir 116 anos que no Gran Teatro da Habana se interpretaba por primeira vez, solemnemente, o himno galego. Este fito histórico, tan relevante, será obxecto de varios actos conmemorativos dun aniversario que para Vía Galega, plataforma social en defensa dos dereitos galegos; e para a federación de asociacións, Galiza Cultura, “pola importancia que o himno, como símbolo nacional, ten para fortalecer a nosa autoestima e para acentuar a cohesión colectiva non podía pasar desapercibido” e por iso en varias cidades e vilas do país desenvolverase unha actividade singular, baixo o título común de “Cantar a nación”, coa participación de diferentes agrupacións corais; para celebrar está efeméride e reclamar a restauración do texto do himno conforme ao texto orixinal, creado por Eduardo Pondal. Si, para reivindicar o que será acadado nun tempo próximo porque é necesario modificar a Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso himno, tal e como foi creada polo seu autor. Por iso, foi inxustificábel e incomprensíbel o rexeite no Parlamento de Galiza da Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada por unha manchea de persoas e colectivos, entre elas as entidades entes referidas, para reclamar corrixir os erros e restaurar o himno xenuíno e logo realizar a súa difusión. Certamente deixouse unha porta aberta na decisión, con todo non hai razón nin causa posíbel para non emprender a súa recuperación orixinal. Só desde a incuria, adulteración e menosprezo da nosa historia e cultura se pode manter esta situación.
O texto en vigor presenta problemas relativos á representación formal e a cuestións tipográficas, nacido como un diálogo. Co tempo e diferentes impresións fóra do país, moitas alén do Atlántico, foron sumando erro máis erro que, por ser un texto cantado facilitaron esa acumulación de despropósitos. Con todo, partindo da redacción manuscrita do poeta, e, sobre todo, da primeira publicación do texto, única autorizada polo autor, pódese afirmar, sen dúbida ningunha, que deben se restauradas: Formas galegas usadas por Pondal para substituír castelanismos ou hiperenxebrismos introducidos tardiamente no texto; formas propias do poeta substituídas por outras variantes ou formas inexistentes e tamén termos orixinais que foron interpretado mal. E dicir, axustar: Rouco, sós, ignorantes, cinxido, férridos e clan. Agora, no aniversario do himno, os tempos son chegados de cantar a nación de Breogán.