ste próximo 7 de xaneiro do 2025 conmemorarase o 75º aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis senlleiras da historia de Galiza. Este feito, recoñecido institucionalmente, Econverterá aos próximos doce meses no Ano Castelao, unha oportunidade única para reflexionar sobre a vixen cia do seu ideario político, especialmente o recollido no Sempre en Galiza, a súa magna obra de opinión. Porén, cómpre evitar que esta efeméride se limite a celebrar as múltiples dimensións da súa creatividade, como narrador, caricaturista, pintor ou dramaturgo, esquecendo a actualidade e forza transformadora do seu pensamento político e do compromiso coa nación galega. Castelao é semente viva, porque na súa obra florece o futuro de Galiza.
Sempre en Galiza, publicado en 1944 no exilio en Bos Aires, transcende ao seu tempo. É unha reflexión profunda e rigorosa sobre a identidade galega e a loita por unha Galiza dona do seu destino. Castelao presenta unha visión política avanzada, ancorada no respecto pola diversidade e na procura dunha democracia auténtica e participativa. Fronte ao centralismo español e ás inxustizas sociais, o autor defendeu un nacionalismo galego integrador, no que Galiza, como nación, ten o dereito e o deber de gobernarse a si mesma, facendo unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A vixencia deste ideario político radica na súa capacidade de dialogar co presente. A defensa da identidade cultural e lingüística galega, un dos piares do pensamento de Castelao, segue a ser unha cuestión central, porque a imposición pola globalización e as políticas centralizadoras e uniformes poñen en perigo ás culturas sen Estado, facendo imprescindible revisar de novo as súas palabras. Castelao non concibía unha Galiza forte sen a dignificación do galego como lingua nacional, e iso interpélanos hoxe, cando a normalización lingüística segue a ser unha tarefa negada e afastada.
Outro aspecto central de Castelao é a súa análise da xustiza social. Para el, a emancipación nacional e a emancipación social eran inseparables. Criticou con contundencia o abandono rural, a explotación laboral e as desigualdades que castigaban ao pobo galego. Problemas que permanecen vixentes: os desequilibrios territoriais, a precariedade laboral e o despoboamento rural seguen a ser retos urxentes na Galiza actual. O pensamento de Castelao ofrece ferramentas para afrontar estas eivas, cunha visión solidaria fundamentada na xustiza social que aposta polo benestar colectivo.
No Sempre en Galiza, Castelao advertiu tamén contra o perigo da manipulación do discurso político. Coa súa ironía característica, denunciou os intentos de deturpar as aspiracións do pobo galego para desactivalas. No contexto actual, marcado pola banalización do debate público e a intoxicación do relato interesado, estas reflexións resultan máis necesarias ca nunca.
Ao conmemorar este aniversario da morte do “rianxeiro universal”, é esencial poñer o foco no seu compromiso político, á par da múltiple obra súa, porque todas estas facetas estaban ao servizo dun proxecto maior: a construción dunha Galiza ceibe, digna e solidaria. Castelao é semente viva que continúa a guiarnos co seu ideario político, tan vital e futurista como o día en que foi escrito.