O gran Arsenio Iglesias contaba, días antes de que o SúperDépor xogase por ter o primeiro título de Liga da súa vida, que “andamos con la fiesta, y la fiesta te la quitan de los fuciños...pero inmediatamente”. Nesa sucinta explicación da vida concéntranse varios dos saberes comúns sobre non vender pel ningunha antes de cazar. Aínda que sexa por aquilo do “non vaia a ser...”. Se cadra alguén no PP esqueceuse de facer caso aos que xa as viron pasar de todos os colores e entenden, perfectamente, como funcionan algunhas cousas. No PP andaban coa festa, pero a realidade é outro mundo. Arsenio, unha vez máis, tiña razón.
Recoñézolles que existiu unha constante chuvia de noticias festivas sobre a futura chegada a España de líderes indiscutibles, sensatos, moderados e eficientes, que ían poñer ao noso país a andar con rigor para salvarnos da hecatombe na que vivimos, froito de todas as plagas bíblicas. Se cadra iso fixo que moitos, eu non o nego, viramos que o apocalipse estaba a chegar, e acabaríamos vivindo un país de retroceso cultural, social e de dereitos. Hoxe mesmo en que vostede le isto, estariamos xa escoitando como se estaba enderezando un país que estaba perdéndose no abismo de facer crecer á economía ou recoñecer dereitos ás minorías.
Pero ocorre que alguén nos cuarteis xerais dos grandes estrategas non atendeu a unha cuestión aparentemente pequena pero, curiosamente, moi relevante. Aínda tiña que votar a cidadanía. Este país non é o de hai 30 ou 40 anos (por fortuna). Hoxe somos unha sociedade plural con máis ganas de convivir que de confrontar e que entende, comprende, acepta e desfruta das diversidades. Confrontar territorios, cidadanías ao fin e ao cabo, para xerar filias e afinidades aínda que provoquemos duros problemas, é unha maneira desastrosa de funcionar. A política, ao fin, é a representación desa diversidade e discrepancia, e os gobernos deben funcionar en base ao diálogo e acordo entre os distintos. Este país, ademais, rexeita as campañas sucias, de mentiras e de vil manipulación. Todo iso foi minusvalorado polos que, copa de champaña en man, levaban meses celebrando un triunfo que non terán. Porque non lembraron a Arsenio e andaban á festa.