Chegou o momento de visibilizar(nos)

Chegou o momento de visibilizar(nos)

Este 8 de marzo, o feminismo volve saír ás rúas.


Saímos facendo ruído, reivindicando, celebrándo(nos) todas as nosas conquistas, visibilizando unha loita máis que necesaria a pesar de que a caverna trate de negar o que os datos evidencian e amosando os nosos lemas.


E non é novo o lema feminista que berramos polas rúas de Vilagarcía e do resto de vilas de Galiza; “Imos queimar o sistema xudicial por machista e patriarcal”. Esta metáfora amosa a nosa rabia contra un sistema que nos oprime.


O sistema xudicial demostrou, unha vez máis, coa lei do “Solo sí es sí” que se trata dunha institución que non garante os dereitos das mulleres, un sistema que reproduce e mantén o patriarcado, un sistema herdado do franquismo, un sistema que asusta ou que trata de asustarnos.


Estamos ante unha sociedade que deixa que a educación afectivo-sexual dependa unicamente da pornografía “mainstream” que normaliza relacións violentas e de dominación para unha mocidade que ten o seu primeiro achegamento á pornografía a idades cada vez máis temperás.


Sumemos un sistema xudicial machista, máis unha nula educación sexual e un cuestionamento social sistemático das vítimas e xa temos a fórmula perfecta para que no 2022 rexistráranse 1.942 denuncias de agresións sexuais con penetración. Todo isto sabendo que as denuncias son só a punta dun iceberg moito máis grande.


Precisamos mudar a idea do consentimento por desexo, porque só cando exista desexo mutuo partiremos dunha situación de igualdade. Debemos ir máis aló, a linguaxe transforma e consentir é deixar que pase, mentres que desexar é ser parte activa.


A sexualidade debe tratarse con perspectiva feminista. A suposta “liberación feminina” en realidade trouxo unha carga e incluso unha maior insatisfacción para moitas mulleres tratando de cousificarnos.


A verdadeira liberación ten que ir da man do apoderamento, da independencia, o pracer, a diversidade, a afectividade, os coidados e os feminismos.


Temos que rachar cos modelos patriarcais e androcéntricos que tratan de impoñer uns “desexos” baseados no pracer e a mirada masculina.


Chegou o momento de visibilizar(nos), de ocupar espazos e poñer sobre a mesa referentes libres e diversos.


Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres

Chegou o momento de visibilizar(nos)

Te puede interesar