Contundencia nas accións

Contundencia nas accións

Como cada ano polo Día da Muller, os xornais énchense estes días de notas reivindicativas e artigos denunciando a eterna brecha salarial, o esmagador teito de cristal, a desigualdade en canto ás condicións laborais, a violencia machista en todos os ámbitos.... Encomiable! Como cada ano concellos, deputacións e institucións varias vístense para a ocasión da cor que toca. Iso si, tan pronto se visten como se desvisten.


Como cada ano, os corredores de escolas, colexios e institutos cóbrense dos máis variados violetas, e as paredes toman importancia e calidade con estampas de científicas, pioneiras ou inventoras que perden por un instante a invisibilidade que seguen a ter nos textos académicos; hai que acudir á literatura alternativa e comprometida para saber delas.


Ben feito. Concordamos. E despois, que? Parece que todas (ou polo menos unha maioría social) sabemos da necesidade dese cambio; un cambio que, aínda que lentamente, vai impregnando todos os ámbitos do público e do privado. Porén, o que realmente é necesario para mudar as cousas, o marco lexislativo e o investimento, segue estancado ou paralizado pola falta de vontade política.


O debate pérdese en cuestións tan perversas como a necesidade ou non dunha norma que atenda a saúde feminina, como por exemplo o recoñecemento da baixa temporal por menstruación dolorosa, ou como que aínda se estea a falar de que as mulleres precisemos tutela ou mediación cando decidimos abortar: tres días de reflexión por se non o fixemos convenientemente, información por se non estamos ben apercibidas, asesoramento, acompañamento... para ademais de coaccionar e condicionar, estigmatizarnos ben estigmatizadas.


Alguén imaxina unha manifestación en contra da vasectomía?, ou ordas católicoapostólicas ás portas de clínicas e hospitais ofrecendo información aos pobres homes que non saben que van matar (por omisión) a seres mesmo antes de seren pensados? (sería cousa de ver a conveniencia dunha imaxe 3D das células fecundadoras), ou a profesionais da medicina amosando a obxección de conciencia para non practicar tan aberrante cirurxía? Aberrante, si. Porque se horrible lles parece abortar, moito peor será impedir deliberadamente toda posibilidade de procrear. Onde está aí a preservación da moral, da orde divina e do natural destino do esperma? Desculpen a sorna.


No contrapunto. Esta semana, unha nena de cuarto de primaria (9 anos) proponlle á mestra levar á aula “dous libros de mulleres que teño na casa”. Por suposto! Un neno, uns anos máis vello, expresa coa maior naturalidade que é “absurdo que os homes decidan o que teñen que pensar, dicir ou seren as mulleres”. Sobran as explicacións. Daquela, se así de claro o sente e expresa a sociedade, e así de interiorizado o teñen as crianzas, menos carteis e máis leis!


Simplicidade nas palabras e contundencia nas accións.

Contundencia nas accións

Te puede interesar