Dos decepcionados

Ven de lonxe. Cando algo aparecía de súpeto e ademais se vendía cun alto grao de perfección, xa as nais dicían que iso eran películas. Que nas pantallas e nas teles todo era posible, pero na vida non pasaba o mesmo. 
 

A realidade sempre deixa á vista as marcas de imperfección e por suposto, todo ten unha historia detrás. Ninguén aparece por xeración espontánea, nin chega a dirixir un partido sen ter pisado pes, brazos e cabezas. Tamén é certo que ás veces coinciden a oportunidade coa necesidade e entón é cando a política, fai estraños compañeiros de cama. Feijoo leva 30 anos en distintos (altos) cargos públicos e baixo todas as direccións políticas dos populares. Non é un recén chegado, e ten detrás moitas historias e non todas boas, especialmente nas súas relacións sociais. Á Sanna Marin, Primeira Ministra finlandesa, por bailar cunhas amigas nunha festa privada, xa a crucificaron máis de cen veces. Feijoo saiu indemne. Pintáronlle nos medios un estereotipo de moderación que venderon á sociedade, pero que non encaixa coa súa acción política. 
 

Non apoia medidas anticrise, pero tampouco propón alternativas ou fai plans sólidos para amosar o seu programa. Instalado no Non de xeito permanente, perdeu todas as oportunidades que tivo para demostrar manexo, cintura, altura de miras e independencia. O da independencia, é un vector fundamental. Aqueles que agardaban cambios positivos ou acordos útiles co Goberno, conviven agora cunha sensación de decepción que non esperaban. Descubriron a un Feijoo supeditado a Ayuso, e non era iso o pretendido. Non fai máis que quedar en evidencia. Tildou de frívolo o Plan enerxético de Sánchez e Alemania aproba un similar, e a UE pon a Sánchez de modelo a seguir. Feijoo vive perigosamente instalado na corda frouxa da insignificancia.
 

Foi marchando o tempo –dixo El– incluso o horizonte mudou de liña. Despois, chegou a néboa. Sinto que unicamente ti, permaneces.

Dos decepcionados

Te puede interesar