Demasiado lonxe

Isto é o que pensan un 44% dos homes consultados polo CIS sobre a promoción da igualdade, que se foi demasiado lonxe, tanto, que agora son os homes os discriminados. Sen embargo, con ocasión do 8 de marzo, estes días publicaranse informes e reportaxes que porán negro sobre branco a discriminación que seguimos padecendo as mulleres en distintos ámbitos. Por exemplo, respecto da fenda salarial que diferentes organismos sitúan por riba do 20 por cen, prevendo que, a este ritmo, a igualdade salarial en España non se acadará ata dentro de 50 anos. O mesmo se falamos das tarefas do fogar ás que, segundo distintos estudos, as mulleres dedicamos unhas 4 horas e media diarias, fronte ás 2 horas e media que lle dedican os homes. Se atendemos aos asasinatos machistas, 56 mulleres foron asasinadas no 2023 a mans das súas parellas ou ex parellas, 7 máis que no 2022, e un total de 1.238 dende o ano 2003, cando comezou a contabilizarse este dato. Estes e outros indicadores demóstranos que en materia de igualdade non fomos nin demasiado lonxe, nin demasiado rápido.


Cómpre preguntarse que hai detrás desoutro dato dun 44% de homes que pensan que os avances en igualdade foron demasiado lonxe. Sen dúbida, os discursos negacionistas das violencias e discriminacións de xénero, que abandeiran algúns colectivos e organizacións políticas, estean a xerar unha distorsión da realidade atravesada polo relato de que, agora, as vítimas son os homes. Discursos replicados e difundidos ata a saciedade por distintos youtubers e creadores de contido que descubriron un nicho de público reaccionando a rebato das proclamas antifeministas. Fronte a este antifeminismo, que non escatima en mentiras e bulos, é fundamental pedagoxía, datos, pero, tamén, discursos claros. A resposta a estes ataques non pode ser que os amigos de entre 40 e 50 anos do Presidente do Goberno se senten incómodos ante os discursos feministas. O feminismo é incómodo, si. Como todos os movementos que aspiran a construír unha sociedade mellor, como pasou en moitas ocasións cos avances científicos, sempre hai alguén que se incomoda, que ofrece resistencias. Nesa mesma enquisa do CIS un 81,2% das mulleres e un 74,2% dos homes afirmaban que “a igualdade non se acadará a menos que os homes tamén loiten polos dereitos das mulleres”. Porque esta é a clave. Non somos as mulleres, nin sequera as feministas, é a sociedade a que avanza, a que foi avanzando durante estes anos. E, ante isto, un o que pode facer é quedarse atrás rosmando sobre o incómodo que está, ou acompañar os cambios, porque “dato mata relato” e estes nos din que aínda queda moito que avanzar. Escoller entre ser parte da tribo dos ofendidiños ou da tribo das que cren que unha sociedade mellor é posible. E ir tan lonxe que se faga realidade.

 

Demasiado lonxe

Te puede interesar