Dez 8M

n 7 de marzo de 2012 asinábase en Vilagarcía de Arousa a acta fundacional do O Soño de Lilith. Algo que acontecía cando unha rapaza, xunto a outras tres compañeiras de estudos, decidía inaugurar a maioría de idade creando un colectivo feminista. Logo sumámonos outras. Baste poñer como exemplo que en 2012 non existira unha organización feminista en vilas como Pontevedra, para dar a medida dos avances do feminismo nestes dez anos. Este tempo transcorrido de activismo feminista colocounos no epicentro dunha gran corrente de transformación social que resulta oportuno contextualizar dez anos despois.

Como o feminismo -que durante anos parecía reducido ao ámbito militante, académico e institucional- se converteu nun movemento de desborde capaz de marcar a axenda mediática e política é difícil reducilo a unha explicación sinxela. Pero si poderiamos sinalar os fitos que antecederon ás grandes mobilizacións do ano 2018. Quizais o primeiro destacable foron as que se produciron en contra da lei do aborto de Gallardón, ese ministro que pasou de ser a promesa renovadora do PP a apostalo todo en contra do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo. É curioso como un partido, que nos seus discursos presume de ser defensor das liberdades, se caracteriza por opoñerse a calquera avance en dereitos. Afortunadamente, Gallardón perdeu a súa aposta, véndose obrigado a dimitir como ministro, e o feminismo foi consciente do seu enorme potencial como actor político.

Esta reivindicación e a reorganización do movemento, que se mantivo durante meses en estado de “alerta feminista”, deixou un pouso que en 2017 derivou na multitudinaria manifestación do 7N, na que miles de persoas se atoparon en Madrid para berrando basta ás violencias machistas, anticipando así as grandes mobilizacións do 8M de 2018.

Ata este momento as manifestacións do feminismo en Compostela a fin de semana previa ao 8M eran máis alegres que concorridas. É importante destacar esa singularidade do feminismo para conxugar reivindicación e festa. Fronte a quen nos retrata ás feministas como unhas mulleres enfadadas, basta con pasarse por calquera mobilización para entender que, entre os dereitos que o movemento feminista reivindica, está o dereito a divertirse do que sempre nos privaron ás mulleres. A alegría feminista é revolucionaria e aglutinadora. Todo un acerto.

Foi a partir do 8 de marzo de 2018, tras un proceso coordinado e conxunto do movemento feminista e organizacións sociais e políticas, que o feminismo evidenciou o seu auténtico potencial, desbordou o ámbito académico e máis militante para converterse nun movemento de mulleres diversas traballando dende as súas distintas realidades para imaxinar un modelo de sociedade igualitaria e desexable. A convocatoria de Galegas 8M en Vigo supuxo un éxito sen precedentes e transversal, milleiros de mulleres e homes, familias enteiras, uníronse baixo a bandeira feminista. O propio 8M nas vilas, como é o caso de Vilagarcía, foi un éxito de asistencia que nos sorprendeu ás propias organizadoras. Logo viñeron máis, as convocatorias en contra da sentenza de “la manada”, os 25N, as manifestacións de Lugo e Verín para opoñerse ao peche de paridoiro e proclamar que sen coidados non hai vida. Ata que chegou 2020.

Hoxe o feminismo atópase ante dous elementos que non se poden obviar á hora de afrontar este 8M de 2022. Por un lado a deriva reaccionaria dunha parte da sociedade que se resiste a avanzar e cuxa vertente política supuxo a quebra de consensos tan importantes como os que nos levaron á consecución do Pacto de Estado contra as Violencias Machistas. E, por outro, a pandemia que supuxo nunha inxusta criminalización do 8M e tivo efectos desmobilizadores.

Recuperar os consensos sociais e a tensión e cohesión do movemento feminista é fundamental para defender os logros acadados polo traballo feito nos últimos anos. Pero, quizais, o próximo reto sexa o de tratar de interpelar a parte desa sociedade que aínda se resiste a ver que o feminismo non só é a lexítima loita polos dereitos da metade da poboación, senón que é un marco de convivencia e vertebración social que nos fai mellores, iguais na diversidade, e supón unhas vidas máis libres para todas, todos e todes. Isto non só vai de nosoutras.

Dez 8M

Te puede interesar