A escola da vida

O santoral laico do noso tempo avanza como un foguete. Xa non queda folla no calendario sen a súa correspondente efeméride internacional, e todo apunta á demanda de anos de moitos máis días para poder atender a tanta causa nobre e a tanto problema humano. Cada data sinalada funciona como un espello no que a sociedade mira, con certa pompa e circunstancia, as súas propias eivas. E velaí que chega o 7 de agosto, Día Internacional da Educación Non Formal. Unha celebración que, con ese nome tan pouco refinado, agocha unha das verdades incómodas do noso sistema: que para aprender a gañar o pan, moitas veces hai que buscar fóra do prato que nos pon a escola.


Existe unha fronteira, cada vez máis difusa e tramposa, entre o que se considera “educar” e o que simplemente é “formar”. A primeira aspira a crear cidadáns críticos e con saberes fundamentais; a segunda, moito máis prosaica, pretende xerar traballadores eficientes. O mercado laboral, ese ente pragmático e con pouca querenza pola poesía, perdeulle xa o respecto aos títulos oficiais.


As empresas buscan agora cousas tan etéreas como “competencias brandas”, “intelixencia emocional” ou “capacidade de adaptación”, un xeito elegante de dicir que prefiren a alguén que saiba traballar en equipo e non provoque incendios na oficina antes que a un erudito incapaz de enviar un correo electrónico sen crear unha crise internacional. Este desfase entre os plans de estudo, deseñados en despachos afastados da realidade, e as necesidades reais do emprego, crea unha terra de ninguén onde a autoformación convertese na única táboa de salvación no emprego.


A idea soñada de rematar os estudos e ter un traballo para toda a vida é xa unha peza de museo, unha antigüidade propia do antonte. O paradigma actual obriga a un estado de alerta permanente, a unha reciclaxe continua. O traballador do século XXI é unha especie de “aprendiz perpetuo”, condenado a navegar por un océano de titorías en liña, cursos intensivos e seminarios de fin de semana para non quedar varado na beira da obsolescencia. Xa non se trata de acumular coñecementos, senón de ter a axilidade para desaprender e reaprender á velocidade de vertixe.


Nisto, como en tantas outras cousas, Galiza dá leccións. Aquí, a educación non formal non é unha moda importada, senón unha realidade histórica. E ollo, sen restarlle un ápice de mérito ao ensino regrado, piar fundamental da igualdade e do saber científico, a realidade é que sempre houbo un sistema de coñecemento en paralelo. Dende os aprendices de oficios artesanais que mamaban o saber a pé de taller ata o papel das asociacións culturais, esa escola sen muros demostrou unha eficacia formidable. É a cultura do “buscarse a vida”, do aprender facendo, a que quizais sexa a competencia máis valiosa de todas. Unha lección maxistral que non vén en ningún libro de texto; a materia obrigatoria que se cursa, día a día, na esixente e sempre aberta escola da vida.

A escola da vida

Te puede interesar