Facer ou non facer

Entre facer ou non facer, a política municipal decántase por facer... Facer con vistas á reelección, borrando todo vestixio anterior –aínda que fora produto das políticas do teu propio partido– pasando polas rúas a apisoadora dunha maioría absoluta para cubrilas con formigón e que se note a túa pegada. Non vaia ser que, a pesar dos insistentes comunicados á prensa -anuncio do investimento, anuncio da licitación, anuncio dunha segunda licitación porque a primeira quedou baleira, incluso o anuncio dunha terceira, anuncio da adxudicación, anuncio das obras, anuncio de....- e da foto da inauguración, a veciñanza siga sen decatarse. Facer ou desfacer?


De desfacer patrimonio ten Vilagarcía unha extensa historia. O seu episodio máis recente é a desfeita da musealización do Castro Alobre que, a pesar das advertencias, non puido ser evitada.


Musealizar deriva da palabra museo, orixinalmente Museion-templo das musas-, un lugar que na biblioteca de Alejandría se destinaba a que os máis grandes poetas, escritores e científicos do mundo antigo viviran e crearan. O primeiro museo tal e como o coñecemos se remonta a 1677 cando Elías Ashmole regalou á universidade de Oxford o seu gabinete de curiosidades.


Toda cidade que se prece ten un museo de certa relevancia, pero Vilagarcía é esa vila na que o único museo-o do ferrocarril- leva dous anos pechado mais se musealizan castros. Alguén debeu pensar que isto nos da certo empaque.


Como as palabras nunca son inocentes, compre reflexionar se o termo musealizar non supuña xa un punto de partida errado que podería explicar o acontecido. Un concepto demasiado contemporáneo e urbano para aplicalo á cultura castrexa.


A musealización do Castro Alobre realizouse no marco do proxecto Trazas de Pontevedra, financiado polo Ministerio de Transportes, nunha acción conxunta coa Deputación. Non foi o único castro sobre o que se actuou, e, precisamente, a alarma activouse coa actuación levada a cabo no Castro de Toiriz en Silleda e, posteriormente, coa realizada no Castro de Subidá en Marín, onde “ a intervención delicada e respectuosa” da que presumía o proxecto chegou ata o punto de incluír unhas lousas coa palabra “LOOK” gravada.


Ante as múltiples críticas de expertos e colectivos en defensa do patrimonio, dende Podemos trasladamos unha iniciativa ao Congreso da man do deputado Antón Gómez Reino. Tamén advertimos ao Goberno Local en pleno.


Tanto Ministerio como Concello de Vilagarcía quitáronlle ferro ao asunto, escudándose no visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Xunta de Galicia. En Vilagarcía chegaron a referirse ás advertencias de “cuestións estéticas”. A iso reduce o Goberno Local o noso patrimonio.


A inauguración fíxose por todo o alto, coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a quen parece non lle gustou moito cando xornalistas lle preguntaron polas críticas vertidas á flamante intervención. Sen embargo, pouco despois chegaron os demoledores informes do ICOMOS e do Consello da Cultura Galega dos que se fixo eco este xornal. Neles falábase de “elementos, equipamentos e infraestruturas urbanas instaladas sobre xacementos arqueolóxicos”. Aludíase á “desnaturalización do ámbito do xacemento”. Criticábase o tratamento dos castros “como tractores turísticos máis que como equipamentos culturais”. Destacábase a falta dun equipo multidisciplinar e de aplicación do coñecemento científico nunha intervención levada a cabo íntegramente por arquitectos.


Insistimos no Congreso, posto que estaba previsto intervir sobre outros 15 castros. O mesmo fixo o colectivo Umia Vivo. Se á nosa pregunta o Ministerio respondía que coñecía os citados informes e remitía a responsabilidade a patrimonio, na resposta a Umia Vivo xa deixaba caer a posibilidade de non continuar coas actuacións.


A historia é que, por moito que se lles advertiu, Ministerio de Transportes, Dirección Xeral de Patrimonio, Deputación de Pontevedra e Concello de Vilagarcía fixeron caso omiso. Porque entre facer e non facer preferiron facer. Cando falamos de patrimonio a única resposta válida é a de facer con xeito.

Facer ou non facer

Te puede interesar