Sen dúbida algunha, a cultura dun pobo, dunha comunidade ou dunha nación política é unha ferramenta de construción masiva de identidade; de personalidade de seu, dese conxunto de coñecementos que posúe unha persoa, a colectiva, adquiridos mediante a instrución o a experiencia acumulada co paso dos anos, mesmo de séculos e incluso dos milenios nas que foi construíndose.
Reparando nos significados do substantivo feminino ferramenta, no primeiro dos casos fálanos dun obxecto, xeralmente de ferro, do que unha persoa, ou conxunto delas, se serve para realizar traballos manuais. Porén, tamén é alusión coloquial a iso que chamamos “arma branca”, perverso sinónimo do acoitelamento no mundo do crime e da paixón descontrolada. Nese mesmo aspecto da fala simulada, ás veces retranqueira, tamén é alusión ao conxunto dos dentes que teñen na boca as persoas e certos animais. Expresións, as anteditas, que falan dun instrumento en positivo que serve para facer cousas; para construír en positivo. Si, porque aínda tamén, na fala popular, é sinónimo doutra cousas que se deduce da expresión “deulle unha patada na ferramenta”. Certo.
Porén, a cultura como ferramenta da construción de identidade social e popular, é entre outras manifestacións de proxección do súa importancia patrimonial o recoñecemento público. Velaí, o acordo do xurado que vén de outorgar os Premios da Cultura Galega na edición deste ano, para pór en valor o trabalo, e o mérito, de institucións e persoa merecentes deste recoñecemento no ámbito das artes plásticas, escénicas, das letras, da música, das iniciativas en prol do patrimonio cultural, da creación audiovisual, da proxección cultural galega no exterior; e sobre todo, da lingua.
Decisión feita pública á par da presentación dun documento de traballo académico sobre “Ensinanzas do ámbito cultural”, feito a instancias do Consello da Cultura Galega, a través do Observatorio da Cultura Galega, co obxecto de analizar a evolución das ensinanzas culturais no ámbito territorial galego nos últimos dez anos en todas as etapas educativas e en todos os tipos de ensinanzas dispoñibles. Con indicadores fundamentais que recollen as análises que cobren principalmente datos de centros, alumnado e profesorado e coas variables independentes máis utilizadas que son a titularidade do centro e o sexo do alumnado e profesorado, cando existen estes datos. As series consideradas sitúanse ao redor dos dez cursos académicos, tamén segundo a dispoñibilidade e posibilidade comparativa das fontes, salvo no caso das ensinanzas universitarias, onde se optou por series algo menos extensas. Un informe accesible na web desta institución.
Entre as conclusións, apunta á presenza dunha maioría de mulleres neste ámbito que, no caso da danza chega aos noventa por cento; e, tamén, da alza do Bacharelato de Artes e Humanidades, con crecemento ininterrompido na última década; tan importante para algún dos institutos locais.