Filoetarras, nazis, tiranos

Despois dunha semana escoitando que a Ministra de Igualdade era a mellor amiga dos violadores porque os sacaba a rúa e que o seu mérito era “estudarse a Pablo Iglesias”, ela acusou de promover a cultura da violación. No mesmo día, unha presidenta autonómica chamaba “tirano” ao Presidente do Goberno. No día seguinte, como tantos outros, acusouse ao goberno de ser “ilexítimo”, de ser “amigo dos filoetarras” e tildouse a un ministro como “miserable”. Habitualmente escóitase que hai que “facer a guerra contra os fascistas”. Xa son parte da vida diaria os “desprezable” ou “golpistas”, e eu mesmo teño escoitado “terrorista” para berrarlle a un deputado no Parlamento de Galicia.


Créanme, síntome interpelado constantemente pola necesidade de evidenciar as formas e fondos de forzas políticas que creo perigosas para o enorme avance democrático que este país desfruta dende hai 40 anos. Sácanme de quicio as interpretacións teatreiras que me fan lembrar a nenos que por ser grandotes abucheraban no patio de recreo, e que a saber onde estarían dispostos a chegar se tiveran poder. Pero creo que nada gañamos se cruzamos certas liñas.


Unha das vitorias da política sucia é levar o debate a ese marco, ao insulto e o enfrontamento visceral. Non hai vitoria posible aí, porque nas guerras perdemos todos excepto os vendedores de armas. Sería como pensar que un pode insultar con máis intelixencia que o de enfronte. Impide, incluso, denunciar aquelo que é perigoso. Porque cando todos os demais son fascistas, ningún o é.


Non se trata de compararse, do “e ti máis” nin de pasar contas pasadas. Trátase de que berrar brutalidades descualifica todo argumento e fai imposible avanzar. Non é unha guerra, non hai que continuar a espiral. Ao contrario. O odio ensúciao todo, tamén a nós mesmos.

Filoetarras, nazis, tiranos

Te puede interesar