Tal como demostra o estudo recentemente publicado polo Instituto de Estatística, os novos datos poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego, con niveis de descoñecemento e uso sen precedentes na historia da lingua. Estes resultados son consecuencia do predominio e hexemonía crecente do castelán nos últimos quince anos, especialmente pola exclusión do galego da oferta en múltiples ámbitos, nomeadamente no ensino, pero tamén no lecer infantil e xuvenil, na administración, na xustiza, nos medios audiovisuais e nas actividades comerciais e económicas.
Víase vir de lonxe. Avisos houbo con datos sólidos. As manifestacións cidadás en prazas e rúas de todo o país tamén puxeron de manifesto a preocupación social pola situación do idioma. Grazas a esa mobilización pública, organismos internacionais como o Consello de Europa ou a ONU lanzaron advertencias á Xunta, instando ao Goberno galego a modificar a súa actitude cara ao galego.
Malia o dano feito, é posible reverter a situación se hai compromiso, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais. En primeiro lugar, é imprescindible garantir o dereito de uso do galego e a obrigación de corresponder con oferta e dispoñibilidade, tal e como recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade en 2004. Aínda que o goberno responsable desatendeu este plan nos últimos quince anos, os seus obxectivos seguen a ser plenamente vixentes. O PXNLG, como grande acordo social e político a prol da lingua, debe ser reactivado como punto de partida dunha nova política de normalización, coa implicación de todos os niveis gobernamentais, un calendario de actuación concreto e medidas para asegurar o seu cumprimento.
Ademais, é urxente derrogar o decreto que limita as materias impartidas en galego, e asegurar a presenza máxima da nosa lingua en todas as etapas educativas, así como garantir a dispoñibilidade de materiais didácticos en galego. No ámbito económico e comercial, é fundamental que se respecte o pleno dereito de uso do galego, con atención e oferta correspondente en todo tipo de servizos.
Cómpre tamén recuperar o papel normalizador da TVG, cunha ampla oferta en galego para o público infantil e xuvenil adaptada a todos os dispositivos. É necesario promover as artes escénicas e musicais na nosa lingua e aumentar a produción audiovisual en galego, así como asegurar o cumprimento dos mínimos legais de presenza da lingua nos medios audiovisuais e incrementar as cotas de dobraxe. Non podemos esquecer a promoción do sistema literario e editorial galego, así como o uso do galego en actividades deportivas, de lecer e extraescolares. E moitas outras cousas.
Por todo isto, colectivos e organizacións integradas na plataforma plural Queremos Galego, fan un chamamento á cidadanía para que se mobilice e participe na manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro 17 de novembro, para que o idioma das e dos galegos teña futuro asegurado.