Morte é a fin da vida. Ou non. Si, no que respecta ao efémero fenómeno biolóxico e físico. Non, se mantemos viva a memoria colectiva da persoa. Daquela, o dicionario oferta unha definición no senso figurado da expresión ao situar a finalización dunha actividade ou doutra cousa. Para entender o alcance, amosa o exemplo na expresión “a morte dunha cultura”. Velaí, certo papel do ritual fúnebre no rol outorgado á lingua galega, moi ausente na expresión das lápidas polos cemiterios do país.
Que información deduciría un arqueólogo que estudase a cultura galega a partir dos restos funerarios, como hoxe en día se fai coa exipcia e doutras culturas?. Sen dúbida, polo que atinxe ao idioma que nos outorga esa personalidade diferenciada, identidade de país singular, a dedución levaría a conclusión de que aquí, neste recuncho do territorio ibérico, practicamente só se usa o castelán. Non podería ser doutro xeito á vista da lingua visíbel nos cemiterios galegos que amosan unha absoluta desmemoria lingüística. Apenas unha de cada mil lápidas no idioma natural do finado.
Para mudar esta situación incomprensíbel, aínda sabendo do pouco interese que poñen os poderes públicos na extensión e uso normal do galego, desde a actividade incansábel da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a desenvolverse desde fai anos unha campaña baixo o lema “en galego, agora e sempre” que para o Día dos Defuntos deste ano busca a celebración formal dunha data consagrada a “restauración da memoria lingüística de Galicia” coa que se procura a implicación dos concellos, con tres obxectivos básicos: A colocación dunha placa nas portas dos cemiterios “na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; procurar a mudanza dalgunha das lápidas existentes por outra co texto no noso idioma a xeito de mostra didáctica do que se debería facer; e, moito máis importante aínda, instar ás empresas do sector funerario e afín a ofrecer os seus servizos na lingua do país para que toda a cerimonia do enterramento respecte o noso idioma. Morrer en galego.
Tempo para facer unha dobre reflexión: A importancia cultural que para nós representa esa tradición de lembranza para os nosos devanceiros coa visita aos cemiterios; e, tamén, máis unha vez a importancia de conquistar novos campos de normalización para o uso da lingua galega no proceso fúnebre que vai parello á publicación dunha nota mortuoria, da lingua na cerimonia de acompañamento e, finalmente, da inscrición na lápida que manterá viva a súa memoria no camposanto. Para alén diso, racionado con ámbalas dúas consideracións, a campaña “Deixa en herdanza a túa lingua”, que lembra a vixencia dese protocolo notarial que é a manda testamentaria.
A parroquia dos mortos, metáfora asentada na memoria familiar e colectiva, dende o seu espazo simbólico no curruncho territorial dos cemiterios, reclama o seu dereito a ser respectada no coidado e preservación do patrimonio cultural e lingüístico que legaron á parroquia dos vivos: O idioma galego que nos outorga personalidade e identidade propia. Cúmprase a súa vontade.