Comezo o meu artigo de retorno despois do parón de agosto dende a carraxe do comprobado e confirmado: o engano e a covardía é unha forma de facer política demasiado habitual, neste país e neste concello.
Alá polo mes de marzo, no pleno municipal, quedeime só defendo que non se trasladase ao alumnado do IES Fermín Bouza Brey desde As Pistas ao instituto de Sobradelo. Advertín naquel momento que a promesa da Xunta de transporte para todo o estudantado trasladado era unha mentira. Esta mesma semana comprobamos que a promesa era un engano organizado e que os e as alumnas terán que ir ao instituto sen o transporte prometido e por unha estrada perigosa e sen beirarrúas.
Naquela altura, marzo e só eu opoñéndome ao traslado, o alcalde insinuou que me negaba por intereses persoais. Agora eu teño que dicir que todos os rapaces e rapazas terán que ir estudar por camiños perigosos grazas á súa inoperancia e polos seu interese persoal e máis o do tenente de alcalde. O primeiro Camiño escolar seguro que se puxo en marcha en Vilagarcía si que tivo que ver cos intereses persoais do goberno municipal. Eu non tería dito nunca isto se non tivera sido acusado de maneira tan gratuíta e mentirosa. Cada un recibe o que dá.
O máis lamentable é o silencio covarde do alcalde. Desde que o engano a toda Vilagarcía se confirmou tamén se confirmou o que sospeitábamos: a covardía para enfrontarse as administracións que actúan contra a súa xente. Confirmouse a cantidade de veces que todas as administracións prometen cousas a este alcalde e logo incumpren porque saben da súa incapacidade para defender os dereitos da veciñanza de Vilagarcía. Agora ben, Alberto, teño a mesma dúbida que o teu presidente: esta incapacidade é insolvencia ou é mala fe?
O alcalde de Vilagarcía considerou que durante o verán podía facer xornada reducida de alcalde. Pero mesmo no seu tempo de alcalde non se tomou a molestia de presionar á Xunta para que mantivese a súa promesa. É probable que nin sequera perdese o tempo desconfiando, como sería a súa obriga. Esta semana o mundo perdeu un traidor na vella Rusia. En Vilagarcía gañamos outro.