Aliteratura desempeña un papel crucial na construción e promoción simbólica para a identidade cultural e atracción de espazos reais que inspiran ou son escenarios da narrativa de ficción. Esta relación simbiótica entre a evocación literaria e o mundo real engade unha capa de significado e atractivo adicional a determinados lugares, converténdoos en destinos turísticos de gran relevancia.
Por iso, moitos espazos literarios e, máis aínda, as casas natais das ou dos autores son fundamentais para a promoción cultural e turística dun lugar. Non só enriquecen a experiencia dos visitantes, senón que tamén preservan e celebran a herdanza literaria. A conexión entre a ficción e a realidade converte lugares comúns en destinos cheos de significado e historia, permitindo aos lectores e visitantes vivir de preto os mundos que tanto os apaixonaron nas páxinas dos libros.
A casa natal de Shakespeare en Stratford-upon-Avon é un lugar de culto para os amantes do teatro e da literatura. A cidade tamén alberga outros lugares relacionados coa vida do dramaturgo, como a igrexa onde está enterrado. Anualmente, miles de visitantes acoden alí para explorar a vida e a obra do autor. A Royal Shakespeare Company realiza actuacións regulares que atraen a turistas de todo o mundo. Similar é o caso da casa natal de Miguel de Cervantes, autor de Don Quixote, convertida nun museo dedicado á súa vida e obra. Grazas a isto, a cidade de Alcalá de Henares é un destino importante para os amantes da literatura española. Outros lugares do mundo son destinos turísticos grazas ás historias que alí transcorren. É o caso de Verona, famosa pola traxedia “Romeo e Xulieta”. Esta obra literaria, que narra o romance tráxico entre dous novos amantes, conseguiu converter a cidade nun lugar de fascinación para moitos miles de visitantes cada ano.
Velaí espellos no que ollar a vantaxe e acerto da boa nova que nos fai saber que na sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, celebrouse recentemente a asemblea constituínte da “Rede de espazos literarios de Galiza”, unha nova asociación de Casas, Museos e Espazos Literarios de Galiza, conformada inicialmente por preto de vinte entidades. A creación desta rede era un obxectivo buscado desde o pasado ano tras un encontro inicial. Como entidades fundadoras, 18 tomaron parte deste acto de arranque formal, aínda que poden chegar a ser máis de trinta. Todas elas teñen en común a orixe literaria: son fundacións, casas e museos de escritores e escritoras.
Algúns dos obxectivos desta nova entidade, RELIGA, son establecer estratexias para a xestión con vocación de colaborar entre eles, dos espazos literarios, promover conxuntamente o turismo cultural e literario, favorecer encontros e cooperación, promover e difundir o patrimonio literario, representar ás entidades socias, colaborar en xestións comúns, coordinar actividades e desenvolver debates e iniciativas propias deste tipo de sociedades, así como organizar foros e programar formacións. É un camiño que debe ser andado. Así e todo, cubre xa o reto cultural e agora toca darlle pulo turístico.