Como se dunha mala película de terror se tratase, onde case ao iniciar xa todos sabemos quen vai ser a primeira vítima e case que podemos descubrir ao culpable, ao chegar o verán sabemos que os montes en Galicia arderán.
Estou seguro de que hai expertos e coñecedores que saben estimar se arden por imprudencias ou, como en moitas ocasións tense sabido, arden porque se lles prende lume. Aí está, seguro, un dos elementos necesarios para ser capaces de anticiparse: a vixiancia. Hai outros? Pois é moi posible que existan outros e, atrevéndonos dende aquí a opinar é difícil non facerlle caso aos que apuntan que precisamos darlle uso ao noso monte, que teña actividade, que sexa útil e produtivo alí onde pode selo. Esa será unha maneira fabulosa de obter rendemento e producir aquí, pero tamén de telo coidado (pola conta que nos traería) e iso é un elemento de prevención dos lumes indiscutible.
Cabe ter tamén o monte coidado por vontade medioambiental. Ata o de agora para falar de medioambiente gástanse máis orzamentos en avións e papel que en sistemas de organización e coidado do monte. Vivimos nun entorno natural privilexiado ao que cremos que non facemos dano se lle damos as costas. A natureza autoxestiónase ben, si, pero se non hai humanos ao redor. Se imos alterar o noso monte ao vivir preto del tamén teremos que alteralo para previlo... de nós mesmos. Outras zonas con maior coidado do monte teñen menos dramas de incendios que nos. Por que? Porque, entre outras cousas, o monte está máis coidado. Especies autóctonas, cortafogos naturais, limpeza...
E si, claro que tamén necesitamos medios humanos. Non é entendible que as persoas que se xogan todo contra o lume teñan traballos de tempada, que sexan equipos que dependen en parte da boa vontade dos concellos, das mancomunidades ou de a saber quen, e que non poidan estar plenamente profesionalizados todo o ano para cumprir aquela máxima de que os incendios do verán apáganse en inverno con coidado, vixiancia e prevención. Precisamos servizos profesionais, ben equipados e que sexan únicos respaldados e financiados pola Comunidade Autónoma que é a que debe dirixir a política forestal. Porque se non prevemos, estaremos sempre lamentando. E xa van demasiadas veces como para que sexa unha máis.