Merkel

Angela Merkel abandona a política co Parlamento alemán posto en pé e un país apreciando a súa labor. Incluso o seu sucesor, socialdemócrata, fixo campaña evitando distanciarse en gran medida dalgunhas das cuestións centrais de país da súa predecesora, aínda que ela defendese ao partido conservador. Hai espazo no debate público para entenderse e (sobre todo) para respectarse, que é ao fin o eixo central de toda relación humana.


Existe un listado persoal de persoeiros aos que un pode recoñecer a súa gran capacidade, talante, vocación e vontade aínda que saiba que sería moi difícil votalos. Un pode non ter apenas coincidencias sobre os modelos de sociedade, como con John McCain, ou sentirse incompatible con algunha idea básica, como con Joan Tardá; é posible ter que pelexar por certo mesmo espazo social, como con Carrillo, ou estar sinxelamente nunha idea distinta de como nos organizamos, como con Borja Sémper.

Pero en todos os casos é posible recoñecer ao outro como un colaborador para atopar solucións, e para entender que construímos tanto coas maneiras de facer as cousas como coas cousas que facemos.


Neste mundo que vivimos semella que necesitamos discrepar para sentirnos alguén, porque canto un máis discute as cousas parece ser máis puro e máis digno. Este é o camiño polo que acabamos por definirnos máis polas cousas que estamos “en contra” (antisistema, antifascista, antiliberal, anti-todo...) que polas que defendemos a favor (sexa a anarquía ou o profundo institucionalismo). Os republicanos convértense en antimonárquicos, os do Barça son antimadridistas e aos ignorantes chámanlle agora antivacinas.


Un desexaría sentir que somos quen de facelo ben e de non ter que caer na pobreza de necesitar a alguén enfronte para explicar o que somos nós mesmos. Por eso un podería pensar moitas veces en atopar no outro lado a unha Merkel, que honra o debate e a vocación pública dende a discrepancia. Sen insultos, sen mentiras, sen titubeos na defensa da democracia.


Vielen Dank, auf Wiedersehen.

Merkel

Te puede interesar