Aquí estamos no ano 2025 e seguimos co largo proceso cara á igualdade, que mais ben parece ralentizado ou en retroceso, caendo no pesimismo ou na realidade. Iso si, estamos no punto de mira ou tal vez, mellor dito, na diana, no blanco de tiro, para ver quen é máis machista, por ter que xustificarnos dobremente, ter que defendernos ata o cansanzo, ata o esgotamento, ata o punto de que a palabra da MULLER se pon en dúbida, os feitos acreditados de desigualdade nun país democrático, se frivolizan, se subestiman. E aínda hai quen pregunta por que se celebra o 8-M?
Moitos 8-M quedan por diante, moitos días, anos, nos que continuaremos denunciando, berrando, loitando para que ninguén nos apague a voz, nin nos enterre o que é noso.
Moitos 8-M quedan por diante, pero xa quedaron máis, non moitos mais, tamén é certo. Fai pouco máis de cen anos que se “celebra” o Día da Muller. E ó principio non era o Día da Muller en xeral, como ser humano que ten que ter os seus dereitos, simplemente por existir; non. Era o Día da Muller Traballadora. Non da muller estudante, non da muller empresaria, non da nena e da avoa xubilada; non. O Día da Muller Traballadora. Que aparece xustamente polas nefastas e desprezables condicións do xénero feminino, sobre todo nas fábricas.
Moitos 8-M quedan por diante, pero xa quedaron… uns poucos máis: hai só cincuenta anos que se celebra o Día Internacional da Muller como tal no mundo. Cincuenta anos. Moitas lectoras e lectores teñen bastantes máis anos.
Moitos 8-M quedan por diante, pero…
En España só se comezou a loita hai 89 anos (gracias, Dolores Ibárruri). Si, hai avoas que teñen máis idade.
En EEUU só se comezou a loita hai 21 anos. 21 anos!
A loita. Oxalá non tivésemos que loitar. Oxalá! Pero para rematar a loita, antes hai moito que facer, moito que aprender, moito que ensinar, que educar… Pero claro, hai so 115 anos que as mulleres podemos acceder á ensinanza superior (non en todos os países, por suposto). En Cambridge só podemos entrar hai menos de 80 anos. Si, tamén hai avoas que teñen mais idade.
Moitos 8M quedan por diante, pero, xa quedaron mais? Agora temos asociacións, institucións, leis (non en todos os países, por suposto tamén) para achar a igualdade, pero CANDO comezou a loita real? En Grecia as mulleres xa se levantaban e unían en sinal de protesta polos seus dereitos, pola igualdade. En Grecia! Hai 2000 anos… DOUS MIL ANOS! Ben, ó mellor si é comprensible que estemos cansas de loitar, non?... Non?
Moitos 8-M quedan por diante… Ou non?
Depende de ti.
Depende de min… De nós.