Mundial de Qatar, todos temos unha escusa

O mundo avanza e avanzou historicamente sobre costas de quen non tiveron medo, dos que romperon barreiras e se atreveron a desafiar as normas ou costumes establecidos, pero agora e seguramente tamén antes, existe un exército de xente que utiliza o que pode perder como escusa para non reivindicar ou pelexar polo que é xusto. Así, cando hai unha folga existe quen non a secunda para non perder o día de salario, os que utilizan a escusa de que poden perder o traballo porque teñen familia, ou quen ten medo a perder as oportunidades de medrar na empresa ou socialmente.


Pasa o mesmo municipalmente falando: sempre hai xente que se queixa, pero espera que outro dea a cara pola súa reivindicación, non vaia ser que lle rompan a súa. Os que nos partimos a cara tantas veces polas causas xustas, e mesmo algunha vez por causa que parecían xustas e ao final non o eran tanto, tamén tiñamos escusas as mesmas e cousas e algunhas máis: familias, hipotecas, traballos que perder pero se todos nos escusamos o mundo non avanza. Por iso agora, mentres escoito os debates sobre o que pasa na copa do Mundo de Qatar, non deixa de sorprenderme que se defenda aos futbolistas que non poden facer ningún xesto contra a falta de dereitos na ditadura qatarí, non sexa que perdan non sei que privilexios, ou deixen de xogar algúns partidos, ou unha tarxeta amarela. Perdas todas que, ao final, son cousas moi cativas en comparación co conxunto da situación.


Neste país desfrutamos de liberdade, ou case liberdade, grazas a milleiros que hoxe están en fosas comúns, ou en calquera cuneta. Eles e elas tamén tiñan moito que perder e perderon todo, pero sementaron esperanza. E aínda din por aí: pobres futbolistas que igual se perden un mundial.

Mundial de Qatar, todos temos unha escusa

Te puede interesar